O director xovense Xacio Baño está estes días a gravar unha campaña de fomento do emprendemento e a actividade empresarial en galego para o Concello de Xove.
Xacio Baño, que se atopa en plena promoción de TROTE, a súa primeira longa que ven de presentar no Festival de cine de Donosti colabora co Departamento de Emprego e Desenvolvemento nesta campaña subvencionada pola Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.
XOVEMPRENDE EN GALEGO é un programa destinado ao fomento do emprendemento e a actividade empresarial en galego, pretende difundir a cultura emprendedora poñendo en valor o propio (incluída a lingua) fomentando o uso do galego entre as persoas emprendedoras, empresarias e traballadoras, incrementar a conciencia de que o uso do galego pode favorecer as relacións empresariais, laborais, comercias, no proceso de busca de emprego e na creación de empresas principalmente e promover o establecemento da oferta positiva de atender á clientela en galego como práctica habitual.
“Cres que se alguén che fala castelán no teu negocio, ti debes falarlle castelán ou que é correcto falarlle en galego se o entende perfectamente?, por que cres que moita xente cambia de idioma pasando ao castelán?”, esta é unha das preguntas sobre a que debaten as 6 persoas emprendedoras do municipio ás que se entrevistan para a realización desta campaña.