Convocatoria 2020

en plazo

En prazo:  04/02/2020 – 31/07/2020

Obxecto

1. Este programa ten por obxecto fixar as bases reguladoras e a convocatoria para o ano 2020 do Programa de fomento e consolidación do emprego nas pequenas empresas de nova creación.

2. A finalidade deste programa é xerar emprego estable para persoas desempregadas, principalmente entre as mulleres, as persoas con discapacidade e en risco de exclusión social, apoiando e dinamizando o desenvolvemento de novas iniciativas empresariais na Comunidade Autónoma de Galicia, con especial atención aos concellos do rural galego.

O programa de fomento e consolidación do emprego nas pequenas empresas de nova creación inclúe os seguintes tipos de axudas:

a) Subvención á xeración de emprego estable.

b) Subvención para formación.

c) Subvención para o inicio da actividade.

d) Subvención para a conciliación da vida persoal, laboral e familiar das persoas promotoras.

A quen vai dirixido?

1. Poderán ser beneficiarias das axudas reguladas neste programa as empresas privadas, calquera que sexa a forma xurídica que adopten, agás as persoas físicas, comunidades de bens, sociedades civís, sociedades cooperativas e sociedades laborais, sempre que cumpran as condicións e os requisitos establecidos nesta orde para cada tipo de axuda e nas cales concorran, na data do seu inicio de actividade, as seguintes circunstancias:

a) Que sexan empresas de nova creación.

b) Que sexan viables técnica, económica e financeiramente.

c) Que xeren emprego estable para persoas desempregadas.

d) Que teñan o seu domicilio social, fiscal e o seu centro de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia.

e) Que sexan promovidas, como máximo, por cinco persoas e que entre os socios ou as socias promotoras non figure ningunha persoa xurídica.

f) Que a empresa teña un capital social máximo de 120.202 euros.

g) Que, como mínimo, o 50 % do seu capital social sexa de titularidade das persoas promotoras e que sexan persoas desempregadas que creen o seu propio posto de traballo na empresa.

2. Ademais, tamén poderán ser beneficiarias das axudas previstas nesta orde as empresas privadas que obtivesen a cualificación como iniciativa local de emprego (ILE).

Estas empresas, cualificadas previamente como ILE, calquera que sexa a súa forma xurídica, incluídos autónomos ou autónomas e as sociedades civís e as comunidades de bens, aínda que carezan de personalidade xurídica, deben estar constituídas e ter iniciado a súa actividade no prazo máximo dun ano desde a notificación da resolución de cualificación ou, de ser o caso, no prazo que se estableza na resolución de cualificación, sempre que cumpran as condicións e os requisitos establecidos nesta orde para cada tipo de axuda.

A actividade desenvolta pola empresa debe coincidir coa do proxecto previamente cualificado como iniciativa local de emprego.

No caso de sociedades civís e comunidades de bens, deberán facerse constar expresamente, tanto na solicitude coma na resolución de concesión, os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe de subvención que se vai aplicar para cada un deles, que terán igualmente a consideración de beneficiario. En calquera caso, deberán nomear unha persoa representante ou apoderada única da agrupación, con poderes bastantes para cumprir as obrigas que, como beneficiaria, lle correspondan á agrupación.

3. Poderán ser beneficiarias as persoas promotoras para a axuda para a conciliación da vida persoal, laboral e familiar das persoas promotoras.