Convocatoria 2020
En prazo: 04/02/2020 – 30/09/2020
Obxecto
1. Estas bases teñen por obxecto fixar os criterios e requisitos para a concesión de axudas a persoas traballadoras por conta propia ou autónomas que unha vez finalizada o seu período de descanso por nacemento contraten a unha persoa para ampliar a súa conciliación da vida familiar e laboral.
2. Mediante a presente axuda permitirase que a persoa traballadora por conta propia obteña unha compensación para a contratación dunha persoa durante un período máximo dun ano, para favorecer a conciliación da súa vida persoal e laboral e facilitar a continuidade do seu proxecto empresarial.
3. Tamén se subvencionarán os gastos de gardería realizados no período subvencionable.
Acción subvencionable e importe da subvención
1. Bono concilia.
a) Será subvencionable a contratación realizada por unha persoa traballadora autónoma durante un período máximo dun ano unha vez rematado o seu período de descanso por nacemento, sempre que a persoa beneficiaria cumpra os requisitos establecidos na presente orde.
b) Serán subvencionables as contratacións que se realicen cunha duración mínima de seis meses que cumprindo cos requisitos enumerados no paragrafo anterior se inicien entre o 1 de outubro de 2019 e o 30 de setembro de 2020.
c) O importe da subvención para compensar dita contratación será de 500 € por mes completo, segundo a duración indicada na comunicación da contratación, cun máximo de doce meses de contratación. Nos casos de duración incerta a subvención será polos meses indicados no Anexo I, que serán os que se comprometa a persoa autónoma a ter a contratación vixente. Sendo polo tanto o importe máximo que se pode percibir de 6.000 €.
d) Canto se trate de contratacións cunha xornada a tempo parcial, a contía será proporcional ao tempo efectivo de traballo en función da xornada a tempo completo establecida no convenio colectivo de aplicación, ou na súa falta na xornada máxima legal.
2. Bono gardería.
a) Co obxecto de favorecer a conciliación da vida persoal, laboral e familiar das persoas emprendedoras concederase unha subvención do 75% do custo dos servizos de gardería ata un máximo de 3.000 €, para aquelas persoas autónomas que obtivesen a subvención polo bono concilia nesta convocatoria.
b) No caso de que o beneficiario do bono concilia fose unha sociedade ou comunidade de bens a solicitude deste bono debe realizala a persoa autónoma societaria polo cal tivo dereito á axuda, indicando no anexo da solicitude a sociedade ou comunidade de bens que foi beneficiaria.
c) Serán subvencionables os gastos de gardería do fillo ou filla polos que obtivo o bono concilia realizados no período subvencionable, que comprende do 1 de outubro de 2019 ao 30 de setembro de 2020. A contía máxima será a indicado no Anexo I polo solicitante.