Convocatoria 2020
Próxima apertura: 04/02/2020 – 30/09/2020
Obxecto
1. Esta orde ten por obxecto fixar as bases reguladoras do Programa de promoción do emprego autónomo e proceder á súa convocatoria para o ano 2020.
2. A finalidade deste programa é a concesión dunha axuda económica a aquelas persoas desempregadas que pretendan desenvolver a súa actividade empresarial ou profesional en Galicia como traballadoras autónomas ou por conta propia, para facer fronte aos distintos gastos xerados no comezo da súa actividade laboral.
3. Ao abeiro desta orde subvencionaranse as altas na Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional que, cumprindo os requisitos e condicións establecidas nela, se formalicen desde o 1 de outubro de 2019 ata o 30 de setembro de 2020, ambos inclusive.
A quen vai dirixido?
Serán beneficiarias aquelas persoas que causen alta no réxime especial de autónomos ou en calquera outro réxime especial por conta propia da Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional entre o 1 de outubro de 2019 e o 30 de setembro de 2020, ambos inclusive, como titulares ou cotitulares do negocio ou explotación.
Son obrigas das persoas beneficiarias das subvencións, ademais das recollidas con carácter xeral no artigo 14 de esta orde, as seguintes:
a) Manter a alta no RETA ou mutualidade durante un tempo mínimo de dous anos se se concede a subvención polo establecemento como persoa traballadora autónoma ou por conta propia, salvo cesamento por causas alleas á súa vontade, o cal deberá acreditar fidedignamente.
b) Presentar os indicadores de resultado inmediatos a que se refire o anexo I do Regulamento (UE) núm. 1304/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de setembro de 2013 modificado polo Regulamento (UE, Euratom) núm. 2018/1046, a través da aplicación Participa 1420 ou segundo o modelo que estará á súa disposición na páxina web da Consellería de Economía, Emprego e Industria, referidos ao momento do cumprimento dos prazos de mantemento da condición de persoa traballadora a que se refire a alínea a) deste artigo. A Administración poderá requirir a actualización destes datos no prazo de seis meses desde que finalicen os citados períodos de mantemento da actividade laboral, coa finalidade de formalizar os indicadores de resultado a longo prazo descritos no antedito regulamento.
c) Facilitar a información necesaria relativa ao desenvolvemento da actividade, que permita dar cumprimento aos requisitos de información a través de indicadores de produtividade e resultados enumerados no artigo 5 do Regulamento (UE) nº 1304/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, relativo ao Fondo Social Europeo.
d) Manter unha pista de auditoría suficiente, manter de forma separada na contabilidade o ingreso da axuda percibida e conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, durante os tres anos seguintes á certificación dos gastos á Comisión Europea, de conformidade co artigo 140.1 do Regulamento (UE) 1303/2013, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control. O comenzo dese prazo será oportunamente comunicado pola Dirección Xeral de Política Financeira, Tesouro e Fondos Europeos.
e) Cumprir coas medidas de comunicación e información establecidas no anexo XII do Regulamento (UE) nº 1303/2013, do 17 de decembro de 2013 modificado polo Regulamento (UE, Euratom) núm. 2018/1046. En particular, as acción de información e comunicación contarán co emblema da Unión Europea e a referencia ao Fondo Social Europeo e nos lugares de realización da actuación informarase do apoio dos fondos a través dun cartel dun tamaño mínimo de A3 nun lugar destacado e visible. Tamén se informará na páxina web, no caso de dispoñer dela, sobre o proxecto e a axuda financeira recibida da Unión Europea e sobre os obxectivos e resultados da operación financiada.
f) Informar a persoa beneficiaria, no caso de ser unha entidade xurídica, de que a aceptación da axuda comunitaria do Fondo Social Europeo implicará a súa aparición na lista pública cos nomes das persoas beneficiarias, das operacións e a cantidade de fondos públicos asignada a cada operación, así como a outra información prevista no anexo XII, modificado polo Regulamento (UE, Euratom) núm. 2018/1046 en relación co artigo 115.2 do Regulamento (UE) 1303/2013.
g) As persoas físicas beneficiarias de calquera axuda deste programa deberán manter durante o período dun ano a forma xurídica elixida pola que se lles concederon as subvencións.