CONVOCATORIA 2018 – DESTINATARIAS: PERSOAS DESEMPREGADAS
CONVOCA
Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias, AGACA, no marco do Proxecto “LABORATORIOS DE APOIO Á CREACIÓN DE EMPREGO E EMPRESAS DE ECONOMÍA SOCIAL. LACES”, e dentro do Programa de actuación 2018 da Rede Eusumo.
LACES é un proxecto cofinanciado polo FEDER no marco do programa Interreg V-A España-Portugal POCTEP 2014-2020, e ten como obxectivo principal contribuír ao fomento e consolidación da Economía Social na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, para conseguir un salto cualitativo na súa capacidade para xerar e consolidar emprego.
A Rede Eusumo é unha rede de colaboración, impulsada pola Secretaría Xeral de Emprego da Xunta de Galicia, para o fomento e consolidación do cooperativismo e a economía social que conta co financiamento do Ministerio de Empleo y Seguridad Social.
FINANCIAN
Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional – FEDER; Consellería de Economía, Emprego e Industria – Xunta de Galicia; Ministerio de Emprego e Seguridade Social – Goberno de España.
OBXECTO
AGACA, como entidade representativa do cooperativismo agroalimentario en Galicia e integrada por cooperativas con distintas actividades agrarias, ten como un dos seus obxectivos mellorar a xestión e funcionamento das cooperativas que asocia. Coñecida a situación existente -baixo número de cooperativas e entidades de economía social que opten por ocupar postos xerenciais- márcase como obxectivo ofrecer un servizo de apoio ao labor xerencial, convocando para isto o programa de bolsas de xerencia en entidades de economía social.
O obxecto desta convocatoria é seleccionar 6 persoas bolseiras, desempregadas, tituladas e formadas nas áreas empresariais e agronómicas, para incorporárense nalgunha das entidades beneficiarias seleccionadas, realizando prácticas, en réxime de xerencia individual, e un proxecto de apoio e mellora xerencial na entidade, durante 6 meses (a bolsa esixe ter dispoñibilidade, porque require dunha dedicación continua e presencial).
A finalidade do programa é dobre, mellorar as condicións nas que as entidades de economía social abordan a función xerencial, e tamén fomentar o emprego mellorando a capacitación das persoas mediante un proceso de iniciación profesional nas entidades beneficiarias.
CONDICIÓNS DAS BOLSAS
SELECCIÓN DAS PERSOAS BOLSEIRAS
Realizarase un proceso de selección das 6 persoas bolseiras, do que se encarga AGACA, para seren asignadas a cada unha das entidades beneficiarias dunha bolsa, que terá dúas fases:
1. Pre-selección en función do currículo e un formulario de datos
2. Selección final das persoas bolseiras, unha vez realizado un curso de formación sobre economía social en Santiago de Compostela os días 21, 22, 23 e 24 de maio 2018. Cabe a posibilidade de que as entidades beneficiarias e/ou AGACA poidan realizar algunha entrevista ás candidatas.
PERÍODOS DE INICIO E FINALIZACIÓN DA BOLSA
A estadía da persoa bolseira na entidade beneficiaria comprenderá do 1 de xullo ao 31 de decembro de 2018.
LOCALIZACIÓN XEOGRÁFICA DAS COOPERATIVAS BENEFICIARIAS:
• Lourenzá (Lugo)
• Barro (Pontevedra)
• A Estrada (Pontevedra)
• A Capela (A Coruña)
• Monterroso (Lugo)
• Lugo (Lugo)
A cada persoa bolseira seleccionada seralle asignada unha entidade de economía social en base á localidade á que se candidatou.
PROGRAMA FORMATIVO
As bolsas son un programa formativo (teórico e práctico), e as persoas bolseiras seguirán un Plan de Traballo establecido, de xerencia dunha entidade de economía social, tendo como obxectivo final a elaboración dun proxecto de Plan de Mellora para a devandita entidade.
A formación está adaptada ás particularidades do modelo empresarial da economía social, e baséase en principios e valores propios, como a participación, a xestión democrática, a relación coa comunidade, a propiedade conxunta, a cooperación entre cooperativas, a autonomía, a axuda mutua, a responsabilidade compartida, a equidade… O programa incorpora as especialidades do Cooperativismo e a Economía Social, sector que representa outras formas de relacións económicas, opostas a modelos baseados na obtención de beneficios soamente económicos.
O proceso de traballo será facer unha diagnose interna da entidade, facendo un percorrido polas diferentes áreas:
• Organizativa e lexislativa
• Comercial e marketing
• Económica e financeira
• Planificación estratéxica e Plan demellora
E para iso contan cunha titoría de AGACA que se encarga de realizar o seguimento e acompañamento dos traballos prácticos que fai na entidade, tales como: recadar información relevante dos distintos ámbitos da entidade, analizar as diferentes áreas, aprender a interpretar a información, ordenar a información, propor, comunicar e guiar con eficacia para acadar obxectivos, planificar para lograr as metas, aplicar accións de mellora, realizar o seguimento das medidas tomadas na entidade, etc.
Trátase de que as persoas bolseiras adquiran unha visión estratéxica para aplicala na entidade; potenciar capacidades e habilidades claves para anticiparse ás consecuencias da xestión.
Non só se trataría de xestionar máis ou mellor, senón pensar estratexicamente en novas accións que se terían que realizar ou cales deberían deixar de facerse.
Os traballos, en cada entidade beneficiaria dunha bolsa, terán un certo grao de adaptabilidade, en base ás súas necesidades e demandas específicas na área xerencial da entidade.
LUGARES NOS QUE SE DESENVOLVE A BOLSA
Como as persoas bolseiras seguirán un programa formativo teórico-práctico, dinamizado por un titor da Unión, o lugar de celebración dos traballos de apoio xerencial serán:
• Por un lado, nas instalacións da propia cooperativa que se lle asigne
• Por outro lado, nos lugares onde se desenvolvan as sesións de titoría ao longo da bolsa, nas que deben participar. (En instalacións de AGACA, ou doutras entidades colaboradoras, nas localidades que se acorde en común, en función das diferentes orixes xeográficas da xente participante)
A meirande parte da bolsa desenvólvese nas instalacións da entidade.
DURACIÓN E DEDICACIÓN SEMANAL DA BOLSA NA ENTIDADE
A dedicación semanal da persoa bolseira será de 25 horas semanais, e desenvolverase ao longo de 6 meses.
AXUDA ECONÓMICA
Cada persoa bolseira recibirá unha retribución bruta mensual de 775€, cantidade á que se lle descontará a Seguridade Social e a retención do IRPF correspondentes.
SOLICITANTES E PERFÍS
Persoas desempregadas, diplomados/as e licenciados/as en titulacións relacionadas coa xestión empresarial e agronomía (Administración e Dirección de Empresas, Económicas, Empresariais, Relacións Laborais, Enxeñería Agrícola e do Medio Ambiente, …), tamén titulados/as en Ciclos Superiores de formación profesional en especialidades relacionadas coa xestión empresarial e agronomía.
Perfís en sintonía coa economía social, ou con sensibilidade, predisposición e inquietude por modelos empresariais con esa orientación.
Para a selección de bolseiros/as valorarase a traxectoria de estudos, coñecementos técnicos (análise económica e financeira, xestión fiscal, laboral ou contable, estratexia empresarial, agronomía, …), a formación e coñecementos en economía social, as experiencias laborais, experiencias de carácter asociativo ou comunitario, de voluntariado, etc.
Tamén poden ser valoradas as actitudes e aptitudes para desenvolver labores xerenciais – capacidades e habilidades neste senso- como aspectos de iniciativa, resolución de conflitos, motivación, traballo en equipo e habilidades sociais, tamén os coñecementos de ferramentas e instrumentos de xestión, así como as que se poidan determinar coas entidades para cada proxecto concreto.
A selección final dos beneficiarios/as será validada por unha Comisión de AGACA, atendendo aos criterios establecidos na convocatoria para entidades deste programa.
SOLICITUDES E PRAZO
O prazo para inscribirse abrangue do 2 ao 15 de maio de 2018. As persoas interesadas en solicitar a bolsa deberán:
1. Cumprimentar o formulario electrónico de datos: FORMULARIO INSCRICIÓN
2. Enviar o seu currículo a AGACA, ao correo electrónico: hmougan@agaca.coop
A inscrición deberá indicar, entre outros datos, a localidade á que optan.
• Todo o que as persoas candidatas indiquen no formulario de inscrición debe axustarse ao indicado no currículo enviado.
• O currículo avalará certas respostas do formulario, e debe cumprir os requisitos e condicións mencionados nesta convocatoria; se non é así, a súa puntuación pode ser minorada ou inclusive pode excluírse a candidatura, ao non poder contrastar ou xustificar as respostas dadas no formulario e os requisitos da convocatoria.
• O currículo ten que poder acreditarse no momento en que AGACA o solicite.
Teléfono e-mail de consulta e información:
981 584 783 . De 9:00 a 14.00 horas, de luns a venres. hmougan@agaca.coop
ACEPTACIÓN DAS BASES
A presentación da solicitude implica a conformidade e aceptación das bases da convocatoria por parte da persoa solicitante.
As entidades convocantes resérvanse a posibilidade de modificar as datas, se fora o caso, por motivos e causas de interese para o desenvolvemento do proceso e o programa.