Máis información:
https://sede.xunta.gal/detalle-procedemento?codtram=ED517B&ano=2020&numpub=1&lang=gl

A quen vai dirixido?
Aos traballadores e ás traballadoras en activo ou en situación de desemprego sen acreditación oficial da súa competencia profesional.
Familias profesionais nas que se pode facer a inscrición:
 Administración e Xestión.
 Agraria
 Comercio e Márketing
 Edificación e Obra Civil
 Electricidade e Electrónica
 Enerxía e Auga
 Fabricación Mecánica
 Hostalaría e Turismo
 Imaxe e Son
 Imaxe Persoal
 Industrias Alimentarias
 Informática e Comunicacións
 Instalación e Mantemento
 Madeira, Moble e Cortiza
 Química
 Sanidade
 Servizos Socioculturais e á Comunidade
 Transporte e Mantemento de Vehículos
Requisitos

  1. Para acceder a este procedemento, os candidatos e as candidatas deberán cumprir os requisitos seguintes:
    a) Posuír a nacionalidade española; atoparse incluído como residente comunitario ou familiar deste, no ámbito da aplicación do Real decreto 240/2007, do 16 de febreiro, sobre entrada, libre circulación e residencia en España de cidadáns da UE; ou ser titular dunha autorización de residencia en España en vigor.
    b) Ter feitos 18 anos, no momento de realizar a inscrición, para as unidades de competencia correspondentes a cualificacións de nivel 1, e 20 anos para as unidades de competencia de nivel 2 e 3.
    c) Ter experiencia laboral e/ou formación relacionada coas competencias profesionais que se queiran acreditar.
    c.1) No caso de experiencia laboral, xustificaranse polo menos tres (3) anos, cun mínimo de 2.000 horas traballadas, nos últimos dez anos transcorridos antes de realizarse a convocatoria, para unidades de competencia de niveis 2 e 3; para unidades de competencia de nivel 1 xustificarán, cando menos, 2 anos cun mínimo de 1.200 horas traballadas en total.
    c.2) No caso de formación, xustificaranse polo menos 200 horas para unidades de competencia de nivel 1 ou 300 horas para as unidades de competencia dos niveis 2 e 3, nos últimos dez anos transcorridos antes de realizarse a convocatoria. Nos casos en que os módulos formativos asociados ás unidades de competencia que se pretendan acreditar prevexan unha duración inferior, deberanse acreditar as horas establecidas nestes módulos.
    d) As persoas candidatas non poderán estar matriculadas nun curso de formación profesional inicial (ordinario ou modular) ou realizando formación profesional para o emprego, conducente á acreditación das unidades de competencia nas cales solicita a súa inscrición. Tampouco poderán posuír ou estar en condicións de obter un título de formación profesional ou un certificado de profesionalidade que conteña a/s unidade/s de competencia que solicita, nin as súas equivalentes ou a acreditación parcial das unidades de competencia que solicita. Ademais, non poderán estar inscritas noutro procedemento de recoñecemento da experiencia profesional, ou nas probas libres para a obtención do título de formación profesional, levado a cabo por calquera Administración ou organismo público, conducente á acreditación das mesmas unidades de competencia que solicita. Para todo isto presentarán declaración responsable que farán constar na solicitude.
  2. As persoas maiores de 25 anos que cumpran os requisitos de experiencia laboral ou formativa indicados na alínea anterior e que non poidan xustificalos mediante os documentos sinalados poderán solicitar a súa inscrición provisional no procedemento, sempre e cando presenten a xustificación, mediante algunha proba admitida en dereito, da súa experiencia laboral ou das aprendizaxes non formais de formación. A comisión de coordinación recollida no artigo 5 da presente orde será a encargada de estudar estes casos, e emitirá un informe sobre a procedencia ou non da participación da persoa candidata no procedemento. Se o informe é positivo, procederase á súa inscrición definitiva como solicitante na correspondente sede.