SE TES INTERESE EN SOLICITALA OU EN TER MÁIS INFORMACIÓN, PÁSATE POLO DEPARTAMENTO DE EMPREGO E DESENVOLVEMENTO LOCAL, QUE CHA XESTIONAMOS GRATUÍTAMENTE.
Convocatoria 2018 En prazo: 08/08/2018 – 07/09/2018
Obxecto
1. Esta resolución ten por obxecto a aprobación das bases reguladoras para a concesión de subvencións da Xera dirixidas á valorización, potenciación, innovación e mellora das pequenas e medianas empresas da industria forestal de Galicia.
2. Así mesmo, por medio desta resolución, convócanse estas subvencións en réxime de concorrencia competitiva para o ano 2018.
A quen vai dirixido?
Poderán ser persoas beneficiarias as microempresas, pequenas e medianas empresas (peme) do sector da industria radicadas en Galicia que utilicen a madeira, a resina, a cortiza ou outros produtos forestais procedentes do monte, exceptuando os produtos agroalimentarios, como materia prima para a elaboración dos seus produtos. Para estes efectos, tomarase a definición de peme incluída no anexo I do Regulamento (UE) nº 702/2014 da Comisión, do 25 de xuño de 2014. Segundo esta definición, pemes son aquelas empresas que ocupan a menos de 250 persoas e cuxo volume de negocios anual non excede os 50 millóns de euros ou cuxo balance xeral anual non excede os 43 millóns de euros
Requisitos
As empresas deberán reunir os seguintes requisitos:
a) Deberán cumprir a normativa ambiental, que se acreditará cunha declaración responsable da persoa solicitante de que a empresa cumpre coa dita normativa.
b) Deberán ter un seguro en vigor de responsabilidade civil para a actividade obxecto de axuda e un contrato de prevención de riscos laborais antes da finalización do prazo de presentación de solicitudes.
c) Deberán estar inscritos no Rexistro de empresas do sector forestal (Resfor) e cos datos actualizados, de acordo co artigo 102 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia ou dados de alta nalgún código CNAE que acredite a realización de actividades obxecto de subvención na data da fin do prazo de solicitude.
Non poderán acadar a condición de persoa beneficiaria:
a) Aquelas persoas ou entidades solicitantes nas cales concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
b) Aquelas empresas que entren dentro da categoría de empresas en crise, de acordo coa definición do artigo 2, punto 18 do Regulamento (UE) nº 651/2014 polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 y 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea.
Para verificar o cumprimento deste requisito, as empresas solicitantes deberán declarar na solicitude que non se atopan en situación de crise conforme a normativa comunitaria.
c) Aquelas empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente, tras unha decisión da Comisión que teña declarado unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.