Subvencións a establecementos e servizos turísticos de xestión pública e/ou privada, nos procesos de certificación, seguimento e renovación das correspondentes normas UNE co obxecto da obtención e/ou mantemento da marca Q de Calidade Turística do Instituto para a Calidade Turística Española (ICTE).
Próxima apertura: 14/05/2020 – 02/06/2020
Obxecto
1. As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto a concesión das subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, da Axencia Turismo de Galicia, para os procesos de certificación de normas UNE que conduzan á obtención, seguimento e renovación da marca Q de Calidade Turística do ICTE (código de procedemento administrativo TU970A).
2. As subvencións obxecto destas bases divídense en dúas categorías, en atención ás entidades solicitantes:
Categoría 1ª: concellos.
Categoría 2ª: persoas físicas e xurídicas privadas.
3. Consideraranse actuacións subvencionables as dirixidas á mellora da calidade turística mediante procesos de primeira certificación, seguimento e/ou renovación da marca de Calidade Turística Q do ICTE, correspondentes ao ano 2020 e que se inicien a partir do 1 de xaneiro de 2020. Concretamente serán subvencionables:
• Os custos de auditoría externa de certificación, seguimento e/ou renovación do sistema, facturados por entidade auditora acreditada polo ICTE para a realización da auditoría de certificación, seguimento ou renovación. Só se terán en conta as xustificacións de gasto con data da auditoría de certificación posterior, e quedarán excluídos os gastos xerados polo persoal dependente dos establecementos, así como aqueles gastos nos que incorra o solicitante durante o proceso de implantación da correspondente norma UNE. Os importes obxecto de subvención serán os derivados, exclusivamente, dos custos de auditoría do ano 2020.
• Os custos derivados dos dereitos de uso da marca Q no ano 2020, unha vez acadada a certificación, seguimento e/ou renovación do establecemento, facturados polo ICTE ao establecemento.
4. En ningún caso serán obxecto de subvención os gastos de xuros debedores en contas bancarias, os derivados de recargas e sancións administrativas e penais. Os tributos serán gasto subvencionable cando a persoa beneficiaria da subvención os aboe efectivamente. En ningún caso se van subvencionar os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación nin os impostos persoais sobre a renda.
5. Cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas na normativa de contratos do sector público para os contratos menores, o beneficiario deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a prestación do servizo, salvo que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten, ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención.
Cando a oferta elixida non recaia na proposta económica máis vantaxosa presentarase tamén unha memoria xustificativa da elección realizada.
6. Poderá subcontratarse a actividade obxecto da subvención nun 100 %, de conformidade co previsto no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.