SE TES INTERESE EN SOLICITALA OU EN TER MÁIS INFORMACIÓN, PÁSATE POLO DEPARTAMENTO DE EMPREGO E DESENVOLVEMENTO LOCAL, QUE CHA XESTIONAMOS GRATUÍTAMENTE.
Convocatoria 2018 En prazo: 10/11/2018 – 31/01/2019
Obxecto
Por medio desta resolución convócanse a concesión de subvencións a empresas illadas en zonas rurais para a contratación de servizos de banda larga ultrarrápida, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2014-2020, modificado tras a Decisión de execución da Comisión C (2018) 5236 final, do 30 de xullo de 2018 (procedemento administrativo PR604A), para o exercicio 2019.
A quen vai dirixido?
De xeito individual as empresas privadas, xa sexan persoas físicas que realicen actividade económica ou persoas xurídicas legalmente constituídas, así como as agrupacións de empresas privadas.
Requisitos
a) Ter domicilio fiscal ou polo menos un centro de traballo en Galicia.
b) Non ter contratado nin poder contratar en condicións de mercado, na localización obxecto de solicitude, servizos de banda larga con trinta (30) ou máis megabits por segundo de descarga (fluxo de datos no sentido da rede ao usuario), estando polo tanto illada das redes que prestan estes servizos.
c) Non estar situada a empresa dentro dun polígono industrial ou dentro dunha entidade singular de poboación que xa conte con acceso a redes de banda larga ultrarrápida ou que dispoña de plans de despregamento en curso para estas redes, debendo estar polo tanto a empresa illada destas redes.
d) Solicitar e obter tres ofertas, como mínimo, de diferentes provedores de acordo co establecido no artigo 29.3 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, agás que polas especiais características dos gastos ou a localización en que se pretende levar a cabo o proxecto non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten.
– Non poderán solicitar nin ser beneficiarias as comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade que careza de personalidade xurídica propia, agás as agrupacións xa indicadas, así como as persoas xurídicas que non teñan ánimo de lucro aínda que realicen actividade económica, nin as persoas físicas que non realicen actividade económica.
– Non poderán obter a condición de beneficiarios:
a) As persoas en que concorra algunha das circunstancias que prohiben a obtención da condición de beneficiario, recollidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A acreditación de non estar incurso nas devanditas prohibicións realizarase mediante declaración responsable do interesado, con independencia das comprobacións que de forma preceptiva deba efectuar o órgano instrutor.
b) As empresas en crise de acordo coa definición e condicións establecidas nas directrices sobre axudas estatais de salvamento e de reestruturación de empresas non financeiras en crise (2014/C249/01) e o disposto no Regulamento de exención por categorías.
c) As empresas que se atopen suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión previa da Comisión Europea que declarase unha axuda ao beneficiario ilegal e incompatible co mercado común».