O PASADO VENRES PUBLICOUSE A SUBVENCIÓN DA XUNTA PARA AS PERSOAS QUE CREEN O SEU POSTO DE EMPREGO ESTABLECÉNDOSE COMO AUTÓNOMAS
Obxecto:
1. Esta orde ten por obxecto fixar as bases reguladoras e proceder á convocatoria das subvencións establecidas pola Consellería de Economía, Emprego e Industria para o ano 2018 coa finalidade da promoción do emprego autónomo e a súa consolidación mediante incentivos á contratación indefinida inicial de persoas desempregadas realizada polas persoas traballadoras autónomas ou persoas profesionais con domicilio social e fiscal en Galicia.
2. A finalidade deste programa é a concesión dunha axuda económica a aquelas persoas desempregadas que pretendan desenvolver a súa actividade empresarial ou profesional en Galicia como traballadoras autónomas ou por conta propia, para facer fronte aos distintos gastos xerados no comezo da súa actividade laboral.
3. Ao abeiro desta orde subvencionaranse as altas na Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional que, cumprindo os requisitos e condicións establecidas nela, se formalicen desde o 1 de outubro de 2017 ata o 30 de setembro de 2018, ambos inclusive.
Beneficiarios:
Serán beneficiarias aquelas persoas que causen alta no réxime especial de autónomos ou en calquera outro réxime especial por conta propia da Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional entre o 1 de outubro de 2017 e o 30 de setembro de 2018, ambos inclusive, como titulares ou cotitulares do negocio ou explotación.
Contía:
Co obxecto de axudar ás persoas desempregadas ao inicio e ao mantemento do emprego como persoa traballadora autónoma e deste xeito facilitarlle ingresos durante o inicio da súa actividade laboral, establécese para todas aquelas persoas que teñan a condición de beneficiarias de acordo co establecido no artigo 19, segundo a súa situación no momento de inicio da actividade laboral, unha subvención coas seguintes contías:
a) 2.000 € para persoas desempregadas en xeral.
b) 4.000 € para o caso de persoas desempregadas que se atopen nalgún dos seguintes colectivos, que non serán acumulables:
– Persoas menores de 30 anos.
– Persoas desempregadas de longa duración.
– Persoas desempregadas con discapacidade.
– Persoas desempregadas que se atopen en situación ou risco de exclusión social.
A contía base correspondente incrementarase nun 25 % nos seguintes casos:
a) Se a persoa incorporada é unha muller.
b) No caso de que o centro de traballo (ou domicilio fiscal, no caso de carecer deste) da persoa autónoma estea situado nun concello rural.
c) Persoas maiores de 45 anos.
d) Se a persoa incorporada é un emigrante retornado.
Estes catro incrementos son acumulables e deste xeito a contía máxima posible, de aplicárense todos os incrementos, sería de 8.000 €.
Aplicarase a subvención polo colectivo e os incrementos indicados pola persoa solicitante, en caso de non exercer a opción, entenderase solicitada pola contía superior que quede acreditada coa documentación achegada coa solicitude. Se non queda acreditada a pertenza a ningún colectivo entenderase que solicita pola contía base mínima.