Convocatoria 2020

en plazo

Próxima apertura:  07/07/2020 – 06/08/2020

Obxecto

1. Esta resolución ten por obxecto fixar as bases reguladoras das axudas do programa Emega para fomentar o emprendemento feminino en Galicia e proceder á súa convocatoria no ano 2020.

2. O programa Emega comprende un conxunto de axudas dirixidas a apoiar a posta en marcha, a mellora e a reactivación de iniciativas empresariais constituídas por mulleres, xunto con medidas complementarias para favorecer a conciliación da vida persoal, familiar e laboral, así como o acceso a servizos específicos de información, asesoramento e orientación empresarial co obxecto de facilitar a implantación e consolidación dos proxectos empresariais promovidos por mulleres.

Co dito fin, o programa Emega comprende as seguintes liñas de axuda:

a) Liña Emprende: liña de axudas económicas mediante incentivos para promover a posta en marcha de novas iniciativas empresariais e a creación de emprego feminino estable por conta propia e allea.

b) Liña Innova: liña de axudas económicas mediante incentivos para promover a implantación de medidas innovadoras para a mellora da competitividade en empresas constituídas por mulleres, e que impliquen a creación de emprego feminino vinculado ao proxecto de mellora.

c) Liña Activa: liña de axudas económicas mediante incentivos para favorecer a reactivación e consolidación de empresas constituídas por mulleres, a través de medidas de renovación, implantación, ampliación ou cambio de localización da actividade dirixidas a paliar unha situación económica adversa, e que resulten necesarias para o mantemento do emprego por conta propia e por conta allea, así como para acadar o necesario equilibrio empresarial e asegurar a súa pervivencia e consolidación no actual contexto económico, contexto que se viu agravado pola situación da pandemia polo COVID-19. As ditas medidas non poderán supor, en ningún caso, destrución do emprego existente por conta propia e allea.

d) Liña ITEF: liña de axudas económicas mediante incentivos para impulsar a implantación de iniciativas empresariais de carácter innovador, con contido científico ou con base tecnolóxica, promovidas por mulleres e que supoñan a creación de emprego feminino estable por conta propia e allea.

e) Concilia: axuda complementaria das liñas Emprende, Innova, Activa e ITEF para promover a conciliación da vida persoal, familiar e laboral, nas súas dúas modalidades: Concilia-promotoras e Concilia-persoas traballadoras por conta allea.

3. O procedemento para a concesión das subvencións recollidas nesta resolución tramitarase en réxime de concorrencia competitiva, de acordo co sinalado no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. A súa xestión realizarase de acordo cos principios de publicidade, concorrencia, obxectividade, igualdade, non discriminación, eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración da Xunta de Galicia e eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.