Obxecto
1. Esta convocatoria ten por obxecto o financiamento de accións de fomento de emprego en colaboración coas entidades sen ánimo de lucro, a través da contratación durante sete meses de persoas mozas incluídas e que consten como beneficiarias no ficheiro do Sistema nacional de garantía xuvenil, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, co obxecto de proporcionarlles unha experiencia e práctica profesional que facilite a súa inserción laboral (código do procedemento TR352C).
2. Esta convocatoria ten por finalidade mellorar a empregabilidade e a inserción profesional das persoas que non estivesen traballando nin participando en actuacións educativas ou formativas no día natural anterior ao momento de recibir a actuación, maiores de dezaoito e menores de trinta anos, incluídas e beneficiarias no ficheiro do Sistema nacional de garantía xuvenil, mediante a prestación de servizos de interese xeral e social que posibiliten ás persoas participantes a realización dun traballo efectivo que procure a práctica profesional necesaria para a integración sustentable no mercado de traballo.
A quen vai dirixido?
Poderán ser beneficiarias das axudas e subvencións previstas neste programa as entidades sen ánimo de lucro inscritas no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais (RUEPSS) na data de publicación da presente convocatoria, que establezan accións específicas para a inserción das persoas con discapacidade, en risco de exclusión social, maiores, familia, infancia, menores ou mulleres, de conformidade coa área de actuación recollida no RUEPSS, sempre que non estean incursas nalgunha das circunstancias establecidas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Requisitos
Requisitos dos servizos que se prestarán.
Os servizos que se desenvolvan mediante a actividade das persoas traballadoras desempregadas deberán ser de interese xeral e social e non estar afectos ao desenvolvemento dunha actividade económica conforme o establecido pola xurisprudencia comunitaria, e deberán cumprir os seguintes requisitos:
a) Que sexan prestados polas entidades beneficiarias en réxime de administración directa.
b) Que se presten ou executen no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.
c) Que a duración subvencionada dos contratos das persoas desempregadas que desenvolvan a prestación dos servizos sexa de 7 meses e a xornada a tempo completo.