TR349T – Programa emprega xuventude de incentivos á contratación e formación de persoas mozas.
Convocatoria 2019 En prazo: 10/04/2019 – 30/09/2019
Obxecto
1. Esta orde ten por obxecto fixar as bases reguladoras polas cales se rexerá, en réxime de concorrencia non competitiva e no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, a convocatoria das subvencións establecidas pola Consellería de Economía, Emprego e Industria para o ano 2019, coa finalidade de facilitar a inserción laboral das persoas mozas menores de 30 anos desempregadas que presentan desvantaxes e dificultades particulares para permanecer no mercado de traballo, e favorecer o emprego estable e facilitar a empregabilidade e ocupabilidade.
2. Por medio desta convocatoria as empresas terán a posibilidade de obter axudas para a contratación indefinida inicial, a contratación temporal cunha duración inicial mínima de 12 meses e formación por conta allea (procedemento TR349T).
Inclúense dous tipos de axuda compatibles:
a) Bono de contratación, por medio do cal se proporcionará unha subvención para a contratación indefinida inicial e a temporal cunha duración mínima inicial de doce meses das persoas desempregadas mozas menores de 30 anos.
b) Bono de formación (opcional) dirixido ás persoas contratadas por medio desta orde, para levar a cabo accións formativas que melloren os seus coñecementos e habilidades relacionados co posto de traballo.
Requisitos
Bono de contratación para incentivar á contratación indefinida inicial e a temporal inicial cunha duración mínima de doce meses de persoas mozas .
1. A persoa desempregada pola que se solicita a subvención á contratación ten que cumprir os seguintes requisitos:
a) Ser menor de 30 anos.
b) Estar en situación de desemprego no momento do inicio da relación laboral.
2. Como consecuencia da contratación indefinida inicial pola que se solicita subvención ten que incrementarse o cadro de persoal fixo e neto da empresa, no ámbito territorial de Galicia, respecto aos tres meses anteriores ao mes de realización da contratación pola que se solicita subvención.
Para o cálculo do incremento do cadro de persoal fixo e neto non se computarán as persoas traballadoras cuxas baixas se producisen por dimisión da persoa traballadora ou por morte, xubilación, incapacidade permanente total ou absoluta ou grande invalidez legalmente recoñecidas ou por resolución do contrato de traballo durante o período de proba.
No caso de que nos tres meses anteriores á contratación pola que se solicita a subvención coincida con períodos de inactividade de persoas traballadoras fixas-descontinuas, estas computaranse como persoal fixo.
3. Os incentivos previstos neste procedemento serán de aplicación a todas as modalidades contractuais de carácter temporal a tempo completo que se realicen con persoas mozas (engadir contrato formación e aprendizaxe).
Os contratos temporais terán unha duración mínima inicial de 12 meses.
Como consecuencia da contratación temporal que se fomenta ten que incrementarse o emprego neto da empresa no ámbito territorial de Galicia respecto aos tres meses anteriores ao mes da contratación.
Para o cálculo do incremento do cadro de persoal neto non se computarán as persoas traballadoras cuxas baixas se producisen por propia vontade da persoa traballadora ou por morte, xubilación, incapacidade permanente total ou absoluta ou grande invalidez legalmente recoñecidas ou por resolución durante o período de proba.
No caso de que nos tres meses anteriores á contratación pola que se solicita a subvención coincida con períodos de inactividade de persoas traballadoras fixas-descontinuas, estas computaranse como persoal fixo (revisar contrato temporal).
4. As contratacións polas que se solicita subvención deberán formalizarse e comunicarse á oficina pública de emprego na forma regulamentariamente establecida.
Programa de bonos de formación. Programa de financiamento de accións formativas no centro de traballo .
1. As empresas que así o soliciten poderán ser beneficiarias dun bono para a formación das persoas traballadoras subvencionadas por medio do programa de bono de contratación previsto nesta orde. Para isto teñen que cumprir os seguintes requisitos:
a) A persoa traballadora que recibe a formación e titorización ten que ser a mesma que participa no programa de bonos de contratación e, polo tanto, cumprir os mesmos requisitos que se establecen para participar no capítulo II.
b) En canto a duración da acción formativa será dun mínimo de 70 horas no caso dos contratos indefinidos iniciais e dunha duración mínima de 50 horas no caso dos contratos temporais, de formación teórica en contidos relacionados co posto de traballo a que asista integramente a persoa traballadora que participa neste programa.
c) Exclúese deste tipo de axuda a formación nas modalidades de teleformación e a distancia.
d) A acción formativa terá lugar dentro dos tres primeiros meses desde o inicio do contrato e deberá estar finalizada o 30 de novembro de 2019.
e) Para as contratacións realizadas entre o 1 de outubro de 2018 e a data de publicación desta orde a acción formativa levarase a cabo no prazo de tres meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación.
2. Queda excluída deste bono de formación aquela que supoña o cumprimento de obrigas legais empresariais en materia preventiva a que fai referencia o artigo 19 da Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais.