Bases reguladoras das axudas do Instituto Galego de Promoción Económica
aos proxectos de investimento empresarial, cofinanciadas polo Fondo
Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa
operativo Feder Galicia 2014-2020
O Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), no cumprimento das súas funcións, desempeña un papel esencial no desenvolvemento de programas e iniciativas que contribúen a acadar os obxectivos económicos estratéxicos da comunidade galega.
O obxecto das axudas reguladas nestas bases é o de estimular a posta en marcha de proxectos de investimento empresarial en Galicia, coa finalidade principal de dinamizar a actividade económica na Comunidade Autónoma e potenciar o mantemento e creación de emprego, así como a innovación, a través do desenvolvemento e mellora das empresas existentes, así como coa creación e posta en marcha de novas iniciativas empresariais.
Artigo 1. Proxectos obxecto de apoio
1. Serán subvencionables os proxectos de investimento en activos fixos que respondan a algunha das seguintes tipoloxías:
1.1. Creación dun novo establecemento.
1.2. Ampliación de capacidade dun establecemento existente.
1.3. Diversificación da produción dun establecemento existente en produtos que anteriormente non se producían nel.
1.4. Transformación fundamental do proceso global de produción dun establecemento existente. Estes proxectos suporán a implementación dunha innovación no proceso global de produción que impliquen o uso por primeira vez de métodos de organización que inclúan melloras nas rutinas e procedementos de xestión do traballo, dos sistemas de produción ou a integración de áreas funcionais da empresa.
2. Dimensión do proxecto de investimento:
O investimento subvencionable deberá ser igual ou superior a 50.000 € e non superior a 2.000.000 €, excluíndo impostos, taxas e arbitrios.
No caso dos proxectos do punto 1.3. anterior, o investimento subvencionable deberá, ademais, superar o 200 % do valor neto contable dos activos que se reutilizan, de acordo cos rexistros do balance de situación ao fin do exercicio económico anterior ao comezo do proxecto.
Artigo 2. Procedemento e réxime de aplicación
1. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva, segundo a excepción recollida no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. As solicitudes de axuda presentadas en prazo e cos requisitos establecidos nestas bases tramitaranse e resolveranse por orde de entrada en rexistro do expediente completo e ata o esgotamento do crédito, do que se fará publicidade no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Igape www.igape.es.
2. Non se poderán outorgar subvencións por contía superior á que se determine na presente convocatoria, salvo que se realice unha nova convocatoria ou se produza un incremento de créditos derivados dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, ou da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito, a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo, ao abeiro do disposto no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
3. Estas axudas ampáranse no artigo 14 do Regulamento (UE) 651/2014, da Comisión, do 17 de xuño, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado (DOUE L 187, do 26 de xuño).
4. A presente convocatoria finánciase no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, que ten unha taxa de cofinanciamento do Feder do 80 %, computándose como cofinanciamento nacional o investimento privado elixible dos beneficiarios polo 20 % restante, en particular, obxectivo temático 3, prioridade de investimento 3.4., obxectivo específico 3.4.1., actuación 3.4.1.3, campo de intervención CE001 e liña de actuación 07, e están sometidas ás obrigas de información e difusión establecidas na regulamentación da UE, en particular ás establecidas no anexo XII, punto 2.2 do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro (DOUE L 347, do 20 de decembro).