IG406F – Axudas do Igape para novos emprendedores, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020.
Convocatoria 2019 En prazo: 18/04/2019 – 18/10/2019
Obxecto
Obxectivo temático 03: mellorar a competitividade das pemes, do sector agrícola (no caso do Feader) e do sector da pesca e a acuicultura (no caso do FEMP).
Prioridade de investimento 03.01: promoción do espírito empresarial, en particular facilitando o aproveitamento económico de novas ideas e impulsando a creación de novas empresas, tamén mediante viveiros de empresas.
Obxectivo específico 03.01.02: creación de novas empresas e viveiros de empresas, en particular mellorando o acceso ao financiamento e a servizos de apoio avanzados.
Actuación 3.1.2.1: incentivos aos investimentos en activos tanxibles e intanxibles, aprovisionamentos para a posta en marcha e outros gastos iniciais para novas persoas emprendedoras ou empresas de recente creación.
Campo de intervención 067: desenvolvemento empresarial das peme, apoio ao espírito de empresa e á incubación (incluíndo o apoio a empresas incipientes e empresas derivadas).
Liña de actuación 50: servizos a persoas emprendedoras e apoio financeiro para investimentos en activos tanxibles e intanxibles, aprovisionamentos para a posta en marcha para novos emprendedores ou empresas de recente creación.
Proxectos obxecto de apoio .
1. Serán subvencionables os proxectos de creación de pequenas e medianas empresas por novos emprendedores, así como os proxectos de investimento para a ampliación de pequenas e medianas empresas xa creadas que cumpran os requisitos para seren consideradas nova peme.
2. Considérase novo emprendedor, para os efectos destas bases, aquela persoa física que non estea acometendo outra actividade económica por conta propia na data de presentación da solicitude de axuda ou ben que, aínda desempeñando unha actividade económica por conta propia no momento da solicitude de axuda, tanto a alta no réxime especial de traballadores autónomos (RETA) coma o alta censual non superen os 42 meses na data de presentación da solicitude de axuda. Os autónomos societarios non teñen a condición de novo emprendedor.
3. Considérase nova peme, para os efectos destas bases, aquela en que tanto a súa data de constitución como a súa data de alta censual non teñan unha antigüidade superior a 42 meses no momento da solicitude de axuda.
4. Os proxectos deberán cumprir os seguintes requisitos:
a) Non ter comezado antes da presentación da solicitude de axuda.
b) Presentar un custo subvencionable igual ou superior a 25.000 € e non superior a 500.000 €, que se realizará no prazo de execución do proxecto que se estableza na resolución de concesión; se o custo subvencionable resultase superior a 500.000 €, o Igape reduciría a base subvencionada a esta cantidade.
c) Os custos subvencionables terán que estar localizados no centro de traballo da empresa en Galicia.