Bolsas de formación, dirixidas a persoas cun título universitario ou cun título de técnico superior de formación profesional, para a realización de prácticas en asuntos relacionados coa Unión Europea.

 

Convocatoria 2018 en plazo En prazo:  01/01/2019 – 31/01/2019

 

axuda

Obxecto

Estas bases regulan as condicións polas que se rexerá a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de bolsas de formación, para persoas cun título universitario ou cun título de técnico superior de formación profesional, para a realización de prácticas en asuntos relacionados coa Unión Europea nas oficinas da Fundación Galicia Europa en Santiago de Compostela e en Bruxelas.

Duración, modalidades e lugar de realización das bolsas .

1. O programa formativo das bolsas terá unha duración máxima de doce (12) meses.

A convocatoria anual da FGE determinará a duración exacta das bolsas.

2. Modalidades e lugar de realización das bolsas.

a) Bolsas destinadas a persoas cun título universitario para a súa formación en asuntos comunitarios desde unha perspectiva galega.

b) Bolsas destinadas a persoas cun título universitario para a súa formación en comunicación das políticas comunitarias, das actividades da FGE e da participación galega en asuntos europeos.

Do total de bolsas das modalidades anteriores, polo menos o 50 % estarán destinadas na oficina da FGE en Bruxelas e o resto na oficina da FGE en Santiago de Compostela.

As persoas candidatas expresarán na solicitude da convocatoria a súa preferencia polo lugar de desenvolvemento das bolsas. Esta preferencia terase en conta, sen prexuízo da potestade da FGE de valorar a idoneidade das persoas beneficiarias para calquera dos destinos, en función dos coñecementos lingüísticos e da formación académica.

c) Bolsas destinadas a persoas cun título de técnico superior de formación profesional para a realización de prácticas de secretariado e apoio administrativo, con destino na oficina da FGE en Bruxelas.

3. As persoas candidatas só poderán presentarse a unha destas modalidades de bolsa.

4. En caso de vacantes nunha modalidade asignaranse a outra comenzando polas bolsas do punto 2.a) en orde decrecente.

A quen vai dirixido?

Persoas cun título universitario ou cun título de técnico superior de formación profesional.

Ademais das obrigas previstas polo artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as persoas seleccionadas quedan obrigadas pola aceptación da bolsa a:

1. Aceptar en todos os seus termos esta resolución. A comprobación de datos non axustada á realidade, tanto na solicitude como na documentación achegada, poderá supoñer a denegación ou revogación da axuda.

2. Comezar o goce da bolsa dentro do prazo que se sinala en cada caso e desenvolver o seu labor sen que ningún outro compromiso anterior ou futuro o impida ou dificulte.

3. Manter un comportamento que en ningún caso implique un prexuízo para os intereses da Xunta de Galicia nin para a imaxe exterior de Galicia e actuar segundo os principios de eficacia, integridade e confidencialidade.

4. As bolsas será indivisibles, improrrogables e incompatibles con calquera outra bolsa concedida para o mesmo período e con calquera actividade laboral ou remunerada.

A persoa adxudicataria, no momento de aceptación da bolsa, non poderá ser perceptora de salarios ou doutros ingresos que impliquen vinculación contractual ou estatutaria. A bolsa é incompatible coa percepción de prestación ou subsidio por desemprego.

A concesión e goce da bolsa non supoñerá vinculación civil, laboral ou funcionarial entre a persoa bolseira e a Fundación Galicia Europa.

A estas bolsas non lles será aplicable o Estatuto do persoal investigador en formación.

5. Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas de Galicia.

Requisitos

Poderán optar á obtención das bolsas as persoas que reúnan os seguintes requisitos, que deberán posuír no momento de rematar o prazo de presentación de solicitudes:

1. Ter a nacionalidade española ou ser nacional dun Estado membro da Unión Europea.

2. Ser natural de Galicia, ser fillo/filla de galegos ou acreditar, mediante empadroamento, residencia en Galicia polo menos desde os dous anos anteriores á publicación da convocatoria.

3. Posuír o título académico necesario ou acreditar o pagamento dos dereitos para a súa expedición. Os estudos conducentes a obtención do título deberán terse rematado dentro dos seis anos anteriores ao da publicación da convocatoria.

a) Para as bolsas do artigo 3.2.a) de formación en asuntos comunitarios desde unha perspectiva galega é necesario posuír un título universitario de grao, licenciado/a, enxeñeiro/a ou equivalente.

b) Para as bolsas do artigo 3.2.b) de formación en comunicación das políticas comunitarias, das actividades da FGE e da participación galega en asuntos europeos, é necesario posuír un grao ou licenciatura en Xornalismo, Comunicación Audiovisual ou Publicidade e Relacións Públicas.

c) Para as bolsas do artigo 3.2.c) para a realización de prácticas de secretariado e apoio administrativo é necesario posuír un título de técnico superior de formación profesional na familia profesional de Administración e Xestión (Administración e Finanzas, Asistencia a Dirección ou Secretariado).

4. Posuír a capacidade funcional necesaria para o desempeño das funcións que se deriven do obxecto desta bolsa.

5. Non estar incursas nas prohibicións para obter a condición de persoa beneficiaria sinaladas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG nº 121, do 25 de xuño).

6. Non ter gozado anteriormente doutra bolsa da FGE en convocatorias anteriores, excepto que na convocatoria do ano inmediatamente anterior fose chamado da lista de suplentes e gozase da bolsa por un período de tempo non superior a 3 meses.


Documentación para a presentación

  • As persoas solicitantes deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:
    • a) Copia do pasaporte no caso de nacionais da Unión Europea residentes fóra de España e que non posúan NIE.
    • b) Copia do libro de familia ou documento equivalente para aqueles solicitantes que pretendan acreditar a filiación de proxenitores galegos.
    • c) Xustificación do pagamento dos dereitos de expedición da titulación correspondente (no caso de non estar en posesión do título universitario ou de formación profesional).
    • d) Copia da homologación ou validación do título pola Administración educativa española no caso de presentar un título académico estranxeiro.
    • e) Currículo: preferentemente en formato Europass.
    • f) Anexo III xunto coa copia dos documentos acreditativos dos méritos alegados relacionados no dito anexo (véxase o artigo 12, Criterios de adxudicación).

– O expediente académico acreditarase mediante copia da certificación académica dos estudos realizados, en que consten as materias cursadas, as cualificacións obtidas e a nota media do expediente, calculada segundo o sistema establecido no Real decreto 1125/2003, do 5 de setembro, polo que se establece o sistema europeo de créditos e o sistema de cualificacións nas titulaciones universitarias de carácter oficial e validez en todo o territorio nacional para estudos universitarios, ou normativa que o modifique; ou segundo o sistema establecido na Orde do 12 de xullo de 2011 pola que se regulan o desenvolvemento, a avaliación e a acreditación académica do alumnado das ensinanzas de formación profesional inicial ou normativa que os modifique.

– Os cursos relacionados co obxecto da bolsa acreditaranse mediante o correspondente título ou certificados de participación nas actividades formativas. Non se terán en conta os cursos que non acrediten as horas de duración ou os inferiores a 20 horas lectivas nin os diplomas relativos a xornadas, seminarios, simposios e similares.

– O coñecemento do idioma galego acreditarase mediante o Celga 4, Celga 3 ou titulación equivalente, só no caso de non estar expedidos pola Secretaría Xeral de Política Lingüística ou o órgano competente que corresponda.

– O coñecemento de idiomas estranxeiros acreditarase mediante os documentos a que fai referencia a Orde do 21 de xuño de 2016, da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria (DOG núm. 128, do 7 de xullo).

– Sen prexuízo dos puntos anteriores, podera requirirse o solicitante para que achegue cantos datos, documentos e aclaracións resulten procedentes para a tramitación do procedemento.

Non se valorarán os cursos e idiomas que formen parte do plan de estudos dunha titulación académica.

Os méritos que non estean acreditados non se computarán e non procederá o requirimento a que se refire o artigo 14.3. Así mesmo, non se terán en conta aqueles méritos obtidos con posterioridade á data de finalización do prazo de presentación das solicitudes.

  • Comprobación de datos.

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

  • a) DNI ou NIE da persoa solicitante.
  • b) DNI ou NIE da persoa representante.
  • c) Consulta de títulos oficiais universitarios.
  • d) Consulta de títulos oficiais non universitarios.
  • e) Datos de residencia con data de última variación padroal.
  • f) Celga 4, Celga 3 ou titulación equivalente, se están expedidos pola Secretaría Xeral de Política Lingüística ou o órgano competente que corresponda.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilita a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

  • As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo II) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
  • Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que foi realizada a emenda.
  • Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluido o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
  • Os documentos presentados en lingua distinta ao español, galego, inglés, francés ou portugués deberán acompañarse dunha tradución xurada.
  • Non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.
  • A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se dispón del.

  • Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

MÁIS INFORMACIÓN