SE TES INTERESE EN SOLICITALA OU EN TER MÁIS INFORMACIÓN, PÁSATE POLO DEPARTAMENTO DE EMPREGO E DESENVOLVEMENTO LOCAL, QUE CHA XESTIONAMOS GRATUÍTAMENTE.
Convocatoria 2018 Próxima apertura: 31/07/2018 – 01/10/2018
Obxecto
Estas bases teñen por obxecto fixar os criterios e requisitos para a concesión de axudas do Programa da segunda oportunidade das persoas autónomas, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.
Axudas.
1. As axudas consistirán en:
a) Bono apoio: concederase unha axuda de 3.000 € ás persoas que estivesen máis de 6 meses seguidos inscritas como demandantes de emprego nas oficinas do Servizo Público de Emprego antes da data de solicitude ou da data de alta no réxime especial de traballadores autónomos (RETA) ou en calquera outro réxime especial por conta propia da Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional para persoas que se deron de alta no 2018 antes da entrada en vigor da orde.
b) Bono formación: a persoa beneficiaria recibirá unha axuda de ata 2.000 € para realizar un mínimo de 60 horas de formación nas seguintes materias: formación xerencial, xestión comercial ou financeira, marketing dixital ou sobre materias que teñan relación directa co negocio que se vai emprender e así se xustifique. Esta formación poderá ser impartida por entidades públicas ou privadas e deberá estar finalizada dentro do período subvencionable.
Este período subvencionable será dun mes como máximo desde que se desen de alta no réxime especial de traballadores autónomos (RETA) ou en calquera outro réxime especial por conta propia da Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional e para altas anteriores á entrada en vigor desta orde a xustificación deberá facerse no prazo de dous meses como máximo desde a entrada en vigor da orde.
O gasto orixinado deberase producir no período subvencionable, que será desde o 1 de xaneiro de 2018 ata a finalización do período de xustificación, e deberá ser efectivamente xustificado, mediante certificado de asistencia e as facturas e documentos bancarios acreditativos do seu pagamento, con anterioridade á finalización do período de xustificación.
A axuda máxima total será de 5.000 €.
2. A Rede de Mentoring do Igape poderá colaborar coas persoas beneficiarias desta axuda na mellor definición do seu novo emprendemento, en función dos seus criterios organizativos.
A quen vai dirixido?
Serán persoas beneficiarias das axudas deste programa as persoas que se dean de alta no réxime especial de traballadores autónomos (RETA) ou en calquera outro réxime especial por conta propia da Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional no período do 1 de xaneiro ao 30 de setembro de 2018, cesasen con anterioridade na súa actividade causando baixa na Seguridade Social ou na mutualidade correspondente e no imposto de actividades económicas (IAE) por causas económicas e cumpran os seguintes requisitos na data da solicitude ou data de inicio de actividade segundo o modelo 036 ou 037 para as persoas que xa se desen de alta antes da solicitude.
Requisitos
a) Que o cesamento da actividade se producise con seis meses de antelación polo menos.
b) Que teña cotizado ininterrompidamente polo menos durante 18 meses nos últimos 5 anos ou de xeito alterno 36 meses nos últimos 10 anos no réxime especial de traballadores autónomos (RETA) ou en calquera outro réxime especial por conta propia da Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional.
c) Estar inscrito como demandante de emprego nos servizos públicos de emprego polo menos 6 meses seguidos. Carecer de ocupación efectiva e non ter contrato laboral en vigor segundo informe de vida laboral da Tesouraría Xeral da Seguridade Social e atoparse en tal situación na data de inicio da actividade laboral.
d) Darse de alta no réxime especial de traballadores autónomos (RETA) ou en calquera outro réxime especial por conta propia da Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional desde o 1 de xaneiro de 2018 ata o 30 de setembro de 2018.
e) Realizar unha formación de, como mínimo, 60 horas sobre formación xerencial, xestión comercial ou financeira, marketing dixital ou sobre materias que teñan relación directa co negocio que se vai emprender e así se xustifique.
f) Que as persoas desempregadas teñan o domicilio fiscal nalgún concello de Galicia e desenvolvan a súa nova actividade económica ou profesional en Galicia.