O Concello de Xove presenta os vídeos XOVE EMPRENDE EN GALEGO o próximo mércores día 26 de decembro ás 20:30 no Salón de Actos.

XOVE EMPRENDE EN GALEGO:

Trátase dunha campaña de fomento do emprendemento e a actividade empresarial en galego que o director xovense Xacio Baño gravou no pasado mes de outubro para o Concello colaborando co Departamento de Emprego e Desenvolvemento ao abeiro dunha subvención da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.

XOVEMPRENDE EN GALEGO pretende difundir a cultura emprendedora poñendo en valor o propio, fomentando o uso do galego entre as persoas emprendedoras, empresarias e traballadoras; incrementar a conciencia de que o uso do galego pode favorecer as relacións empresariais, laborais, comercias, no proceso de busca de emprego e na creación de empresas principalmente; e promover o establecemento da oferta positiva de atender á clientela en galego como práctica habitual.

“Cres que se alguén che fala castelán no teu negocio, ti debes falarlle castelán ou que é correcto falarlle en galego se o entende perfectamente?, por que cres que moita xente nesta situación cambia de idioma pasando ao castelán?”, empregas o galego nas túas redes sociais? Estas son dúas das preguntas sobre ás que contestaron as 6 persoas emprendedoras do municipio entrevistadas para a realización desta campaña, a saber: Fabián Ben, Iván González, Marta Louzao, Nacho Rodríguez, Samuel Míguez e Lucía Canoura.

PRESENTACIÓN:

A presentación do mércores estará presidida polo alcalde José Demetrio Salgueiro Rapa, contará co director Xacio Baño, coas 6 persoas emprendedoras do municipio e con Paula Patiño (de ACASTREXA, Cambre) que explicará a súa propia experiencia emprendedora; ademais actuará o coro TEMPUS FUGIT (Viveiro).

XACIO BAÑO:

Xacio Baño atópase na promoción de TROTE,  a súa primeira longametraxe que está recollendo prestixiosos recoñecementos e loanzas, entre os que podemos destacar a súa selección para a participar no Festival de Locarno (Suiza) e para o 66 Festival de San Sebastián e a súa inclusión polo xornal El Mundo entre as dez mellores películas españolas deste ano 2018. Con Trote, Xacio leva Galicia e ao galego máis aló das nosas fronteiras.

ACASTREXA:

Mel, marmelada de viño branco, de chícharos, ademais de zumes ou cremas de cabaza, integran na oferta desta marca.

É unha empresa dedicada á elaboración de marmeladas e conservas vexetais co selo de calidade da Reserva da biosfera Mariñas Coruñesas e con etiquetado en galego, que comercializa a través de internet. Paula Patiño define ACASTREXA como artesáns que traballan maioritariamente con materias primas autóctonas naturais ás que engaden o noso entorno, a nosa cultura, o noso folclore e a nosa lingua.