lamp bulb tulips isolated on white with clipping path

 

Vimianzo acolle hoxe e mañá unhas xornadas centradas no patrimonio cultural. Fala Dolores Pena, presidenta de Afiprodel, entidade organizadora

sande
Cristina Viu
Carballo / La Voz

A Asociación de Profesionais de Desenvolvemento Local de Galicia (Afiprodel) desenvolve a partir de hoxe na escola de Señoráns, en Vimianzo, unhas xornadas que nesta ocasión están centradas no patrimonio cultural. Dolores Pena, de Outes, é a presidenta da entidade.

-¿Por que este tema?

-Porque consideramos que o patrimonio, material e inmaterial, é unha forma de economía, de xerar ingresos se é explotado de forma coherente. Ademais este é o ano da cultura.

-¿E Vimianzo?

-O Concello foi un dos primeiros promotores da idea ao negociar cos veciños a adquisición de terreos afectados polos megalitos ou os castros. Ademais, a nosa sede está en Vimianzo. Haberá un faladoiro do alcalde precisamente do que significou iso, que é algo que terá continuidade e do que será o futuro Parque Arqueolóxico do Megalitismo, que tiña que facer a Xunta.

 -Agora vaino facer a Deputación.

-Pois xenial.

-¿Como se pode aproveitar a cultura?

-É un recurso que ten moita vinculación co turismo e por iso quixemos que estiveran os da CMAT.

-¿O desenvolvemento rural ten un amplo abano de posibilidades ou ten que centrarse nunhas poucas?

-Ten moitísimas, é algo que ten que ser integral, baseado no agro, no monte e en calquera tipo de recurso endóxeno, como o paisaxístico. Na Edición de Lugo vin a noticia dun concello que promove unha zona que non ten contaminación lumínica. O que vende é o ceo e xa hai grupos da universidade interesados. É unha forma de atraer á xente.

-Daquela o desenvolvemento rural esixe tamén grandes doses de imaxinación.

-Se pensamos que para desenvolver a zona rural ten que instalarse unha gran empresa iso non vai pasar, é algo que ao mellor houbo no seu momento, pero que non vai volver. De feito estamos a ver a deslocalización como en Alcoa o en Meirama. O desenvolvemento do rural ten que ser sostible, con elementos de aquí, o resto é moi volátil. A economía é ingrata e non vai vir ningún salvador supremo. Hai que utilizar os nosos recursos e temos moitos.

-¿Pode o rural acabar sendo unha especie de parque de atraccións para as persoas que viven nas cidades?

-Ese é un dos grandes problemas, unha crítica a algún modelo de turismo. Fálase de conservación e ten que haber persoas no rural para que poidan vir as das cidades. Agora está de moda o da limpeza dos ríos o que é un exemplo para políticos e técnicos do necesario que é que haxa xente no rural. A xente que vén de fin de semana ou que ten unha segunda residencia quere un rural vivo, no que poida ir comer fóra, comprar unha pataca ou falar cos veciños. Creo que chegamos moi tarde a estas cousas. Un dos problemas é que carecemos de organización do territorio.

-E a lexislación non axuda.

-É moi coercitiva, pero iso non está nas nosas mans. Cada vez se vive máis de costas ao mundo rural, que precisa unha discriminación positiva. Xa sabemos que é máis caro o mantemento das infraestruturas ou ter recursos médicos e escolares, pero, pola contra, canta máis xente menos risco de incendios.

O programa de hoxe

16.45. Recepción dos asistentes na escola de Señoráns, en Salto-Vimianzo

17.00. Inauguración a cargo de Dolores Pena, presidenta de Afiprodel, e dun representante da Deputación.

17.10. O alcalde de Vimianzo, Manuel Antelo, falará da posta en valor do patrimonio cultural desde a acción local.

17.45. Juan José Blanco Riveiro, presidente de Costa da Morte Asociación de Turismo e alcalde de Mazaricos, abordará o tema O plan de acción nas estratexias de turismo.

18.30. César Abella Vázquez, director de Trivium, disertará sobre Vivir do patrimonio cultural. Empresa e proxectos.

19.15. Networking e ágape.

Acceso gratuíto, inscricións no correo electrónico afiprodel.org@gmail.com