Consellería de Economía, Emprego e Industria
ORDE do 14 de setembro de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria pública, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, das subvencións para o financiamento das bolsas ás persoas novas inscritas no Sistema nacional de garantía xuvenil que realizan prácticas non laborais en empresas, con cargo ao Programa operativo de emprego xuvenil (procedemento TR363A).
Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación
1. Esta orde ten por obxecto o establecemento das bases reguladoras e as condicións polas que se rexerá, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, a convocatoria pública das subvencións para o financiamento ás empresas das bolsas das persoas novas incluídas no ficheiro do Sistema nacional de garantía xuvenil no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, que realizan prácticas non laborais nestas empresas (procedemento TR363A).
2. As subvencións previstas nesta orde tramitaranse de acordo co previsto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Artigo 2. Entidades beneficiarias
Poderán ser entidades beneficiarias as empresas con centro de traballo en Galicia que, logo da sinatura dun convenio de prácticas non laborais co Servizo Público de Emprego de Galicia no marco do Real decreto 1543/2011, do 31 de outubro, subscriban acordos con persoas novas para a realización de prácticas non laborais.
Artigo 3. Requisitos das prácticas non laborais que poden ser obxecto de subvención de acordo con esta orde
1. As empresas ou grupos empresariais, en colaboración cos servizos públicos de emprego e no marco da responsabilidade social empresarial, poderán subscribir acordos con persoas novas, con ningunha ou moi escasa experiencia laboral, co obxecto de realizar prácticas de carácter non laboral nos seus centros de traballo, co fin de contribuír a mellorar a súa empregabilidade e ofrecerlles un primeiro contacto coa realidade laboral a través do achegamento a ela, ao tempo que contribúen a completar a formación acadada pola persoa nova. O acordo deberá conter a información mínima indicada no Real decreto 1543/2011 ademais do importe neto da bolsa. Poderá utilizar o modelo que pode descargar desde a páxina http://emprego.ceei.xunta.gal/practicas-non-laborais
Poderán acollerse a esta subvención as empresas ou grupos empresariais que asinasen acordos con posterioridade ao 15 de novembro de 2016 e ata a data límite de presentación de solicitudes desta convocatoria. As prácticas deberán iniciarse como máximo no prazo dun mes desde a sinatura do acordo coa persoa nova. No acordo deberá estar definida a data de inicio das prácticas. O incumprimento deste requisito terá como consecuencia a perda do dereito ao cobramento da subvención nos termos previstos no artigo 61 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
2. As prácticas non laborais realizaranse en centros de traballo localizados na Comunidade Autónoma de Galicia.
3. As prácticas non laborais nas empresas non suporán, en ningún caso, a existencia de relación laboral entre a empresa e a persoa nova.
4. As prácticas non laborais nas empresas terán unha duración de entre seis e nove meses; e a xornada laboral será, como mínimo, de catro horas diarias e non poderán superar as corenta horas semanais.
5. As prácticas desenvolveranse en centros de traballo da empresa ou do grupo empresarial, baixo a dirección e supervisión dunha persoa que as titorice. Á finalización das prácticas non laborais, as empresas deberán entregar ás persoas que as realicen un certificado en que conste, polo menos, a práctica realizada, os contidos formativos inherentes a ela, a súa duración e o período de realización.
6. As empresas ou grupos empresariais en que se desenvolvan as prácticas aboarán ás persoas novas participantes unha bolsa de apoio cuxa contía neta será, como mínimo:
• 1,2 veces o IPREM mensual vixente en cada momento cando as prácticas teñan unha duración de catro horas diarias.
• 1,5 veces o IPREM mensual vixente en cada momento cando as prácticas duren máis de catro horas diarias.
7. Quedan excluídas do ámbito de aplicación desta orde as prácticas académicas externas, curriculares e extracurriculares, das persoas estudantes universitarias, que se rexerán pola súa normativa específica.