Convocatoria 2018 En prazo: 14/04/2018 – 01/10/2018
PREME PARA TER MÁIS INFORMACIÓN
Obxecto
1. Esta orde ten por obxecto fixar as bases reguladoras polas cales se rexerá, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, a convocatoria das subvencións establecidas pola Consellería de Economía, Emprego e Industria para o ano 2018, coa finalidade de facilitar a inserción laboral das persoas mozas menores de 30 anos desempregadas que presentan desvantaxes e dificultades particulares para permanecer no mercado de traballo, e favorecer o emprego estable e facilitar a empregabilidade e ocupabilidade.
2. Por medio desta convocatoria as empresas terán a posibilidade de obter axudas para a contratación e formación por conta allea (procedemento TR349T).
A quen vai dirixido?
1. Poderán ser entidades beneficiarias dos incentivos previstos nesta orde as persoas empregadoras e as empresas, calquera que sexa a forma xurídica que adopten, incluídas as persoas autónomas, as sociedades civís e as comunidades de bens, aínda que carezan de personalidade xurídica, que contraten traballadoras ou traballadores por conta allea para prestaren servizos en centros de traballo radicados na Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo cos requisitos e condicións que se establecen nesta orde.
No caso de sociedades civís, comunidades de bens e unións temporais de empresas, deberán facerse constar expresamente, tanto na solicitude como na resolución de concesión, os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe de subvención que se vai aplicar para cada un deles, que terán igualmente a consideración de beneficiarios. En calquera caso, deberán nomear unha persoa representante ou apoderada única da agrupación, con poder bastante para cumprir as obrigas que, como beneficiaria, lle correspondan á agrupación. No suposto de unións temporais de empresas, cada empresa que forme parte desta unión deberá reunir os requisitos exixidos para acceder ás axudas.
Requisitos
Programa de bonos de contratación-Liña de axudas para incentiva a contratación por conta allea
1. A persoa desempregada pola que se solicita a subvención á contratación ten que cumprir os seguintes requisitos:
a) Ser menor de 30 anos.
b) Estar en situación de desemprego no momento do inicio da relación laboral.
2. A xornada da contratación inicial será a tempo completo ou a tempo parcial, segundo o establecido no convenio colectivo de aplicación ou, na súa falta, da xornada máxima legal. No caso da xornada a tempo parcial deberá de ser igual ou superior ao 50 % da xornada a tempo completo establecida no convenio colectivo de aplicación ou, na súa falta, da xornada máxima legal.
3. O contrato laboral será dunha duración mínima inicial de doce meses.
4. Como consecuencia da contratación que se fomenta ten que incrementarse o emprego neto da empresa no ámbito territorial de Galicia respecto aos tres meses anteriores ao mes da contratación.
Para o cálculo do incremento do cadro de persoal neto non se computarán as persoas traballadoras cuxas baixas se producisen por propia vontade da persoa traballadora ou por morte, xubilación, incapacidade permanente total ou absoluta ou grande invalidez legalmente recoñecidas ou por resolución durante o período de proba.
No caso de que nos tres meses anteriores á contratación pola cal se solicita a subvención coincida con períodos de inactividade de persoas traballadoras fixas-descontinuas, estas computaranse como persoal fixo.
5. As contratacións polas cales se solicita subvención deberán formalizarse e comunicarse á oficina pública de emprego na forma regulamentariamente establecida.
Programa de bonos de formación-Programa de financiamento de accións formativas no centro de traballo.
1. As empresas que así o soliciten poderán ser beneficiarias dun bono para a formación das persoas traballadoras subvencionadas por medio do programa de bono de contratación previsto nesta orde. Para isto teñen que cumprir os seguintes requisitos:
a) A persoa traballadora que recibe a formación e titorización ten que ser a mesma que participa no programa de bonos de contratación e, polo tanto, cumprir os mesmos requisitos que se establecen para participar no capítulo II.
b) A acción formativa deberá ter unha duración mínima de 50 horas de formación teórica en contidos relacionados co posto de traballo ás que asista integramente a persoa traballadora que participa neste programa.
c) A acción formativa terá lugar dentro dos tres primeiros meses desde o inicio do contrato.
2. Para as contratacións realizadas entre o 16 de decembro de 2017 e a data de publicación desta orde, a acción formativa levarase a cabo no prazo de tres meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación.
3. Queda excluída deste bono de formación aquela que supoña o cumprimento de obrigas legais empresariais en materia preventiva a que fai referencia o artigo 19 da Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais.”