Mediante a Resolución do 6 de marzo de 2018, a Secretaría Xeral de Política Lingüística convocou as probas para a obtención dos certificados de lingua galega, niveis Celga 1, 2, 3 e 4, no ano 2018 (ED114A) (DOG núm. 51, do 13 de marzo).
O punto terceiro da dita resolución sinalaba que as datas de realización das probas serían: o 26 de maio de 2018, para o Celga 4; o 27 de maio de 2018, para o Celga 2; o 2 de xuño de 2018, para o Celga 3; e o 3 de xuño de 2018, para o Celga 1.
Así mesmo, indicaba que estas datas poderían mudarse por razóns de forza maior ou para a mellor administración das probas. De igual modo, se o número de aspirantes non permitise a realización da totalidade das probas orais no día sinalado, tamén se prevía que a Comisión Central de Avaliación determinase o día ou días en que tería lugar a dita avaliación oral.
Tras rematar o prazo de presentación de solicitudes, constatouse que o número das correspondentes ao Celga 4 e ao Celga 3 é moi elevado e que, polo tanto, non é posible que todas as persoas se examinen da proba oral o mesmo día en que o fan da proba escrita. Nos demais niveis Celga tamén se rexistrou un aumento considerable do número de solicitudes con respecto a outras convocatorias.
De acordo con isto, co fin de poder establecer dúas datas para a proba oral do Celga 4 e do Celga 3 en días consecutivos e garantir, así mesmo, o bo desenvolvemento das probas dos demais niveis Celga, por proposta da Comisión Central de Avaliación,
RESOLVO:
Modificar o punto terceiro da Resolución do 6 de marzo de 2018 pola que se convocan as probas para a obtención dos certificados de lingua galega, niveis Celga 1, 2, 3 e 4, no ano 2018 (ED114A), nos termos que se indican a seguir:
Terceiro. Datas de realización das probas
– Celga 4:
Proba escrita: 26 de maio de 2018.
Proba oral: 26 e 27 de maio de 2018.
– Celga 3:
Proba escrita: 2 de xuño de 2018.
Proba oral: 2 e 3 de xuño de 2018.
– Celga 2: 9 de xuño de 2018.
– Celga 1: 10 de xuño de 2018.
Xunto coas listaxes definitivas de persoas admitidas e excluídas para cada un dos niveis e localidades, publicarase, na páxina web da Secretaría Xeral de Política Lingüística
(http://www.lingua.gal), o día en que cada unha das persoas inscritas no Celga 4 e no Celga 3 se deberá presentar á proba oral destes niveis.