MÁIS INFORMACIÓN

Primeiro. Obxecto

O prazo de presentación de solicitudes para a elaboración de listas para a contratación temporal de persoal do grupo IV, categoría 43 (xerocultor/a) e categoría 44 (persoal de servizos xerais) remata mañá día 30 de abril.

Segundo. Ámbito territorial

O ámbito territorial destas listas será a agrupación de municipios.

Terceiro. Requisitos que deberán posuír os solicitantes

Para ser admitidas/os nas listas, os/as aspirantes deberán posuír, na data de presentación da solicitude, os seguintes requisitos:

3.1. Idade: ter cumpridos dezaseis anos e non exceder da idade máxima de xubilación forzosa.

3.2. Nacionalidade:

a) Ter a nacionalidade española.

b) Ser nacional dalgún dos estados membros da Unión Europea.

c) Ser nacional dalgún Estado en que, en virtude dos tratados internacionais celebrados pola Unión Europea e ratificados por España, sexa de aplicación a libre circulación de traballadores/as.

d) Tamén poderán ser admitidos, calquera que sexa a súa nacionalidade, os cónxuxes dos españois e dos nacionais doutros estados membros da Unión Europea, sempre que non estean separados de dereito. Nas mesmas condicións poderán participar os seus descendentes e os do seu cónxuxe sempre que no estean separados de dereito, sexan menores de vinte e un anos ou maiores da dita idade dependentes.

e) Ter residencia legal en España, no caso de tratarse de estranxeiros non incluídos nos puntos anteriores.

3.3. Titulación académica:

Xerocultor/a: estar en posesión ou en condicións de obter o título de técnico/a en coidados auxiliares de enfermaría ou equivalente ou técnico/a de atención a persoas en situación de dependencia ou equivalente.

Persoal de servizos xerais: graduado en educación secundaria obrigatoria ou equivalente.

As persoas con titulacións obtidas no estranxeiro deberán acreditar que están en posesión da correspondente validación ou da credencial que acredite, de ser o caso, a homologación do título. Este requisito non será de aplicación a aspirantes que obtivesen o recoñecemento da súa cualificación profesional, no ámbito das profesións reguladas, ao abeiro das disposicións de dereito da Unión Europea.

3.4. Capacidade funcional: posuír as capacidades e aptitudes físicas e psíquicas que sexan necesarias para o desempeño das correspondentes funcións ou tarefas.

3.5. Habilitación: non ter sido separado/a nin despedido/a, mediante expediente disciplinario, do servizo de ningunha Administración pública ou dos órganos constitucionais ou estatutarios das comunidades autónomas, nin atoparse na situación de inhabilitación absoluta ou especial para o desempeño de empregos ou cargos públicos por resolución xudicial, cando se trate de acceder á mesma categoría profesional á cal se pertenza.

No suposto de ser nacional doutro Estado, non atoparse inhabilitado/a ou en situación equivalente, nin ter sido sometido/a a sanción disciplinaria ou equivalente que impida no Estado de procedencia, o acceso ao emprego público nos termos anteriores.

3.6. Coñecemento da lingua galega: estar en posesión do Celga 3 ou equivalente debidamente homologado polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia, de conformidade coa disposición adicional segunda da Orde do 16 de xullo de 2007, pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega.