Obxecto
Esta orde ten por obxecto convocar, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, o procedemento para a avaliación e acreditación das competencias profesionais adquiridas polas persoas a través da experiencia laboral e/ou de vías non formais de formación (código do procedemento: TR305A) para un total de 467 prazas, nas unidades de competencia que se indica no anexo I e cun total de 1.818 unidades de competencia nas seguintes cualificacións profesionais:
• Servizos para o control de pragas (SEA028_2): 50 prazas.
• Xestión de servizos para o control de organismos nocivos (SEA251_3): 25 prazas.
• Extinción de incendios e salvamento (SEA129_2): 150 prazas.
• Operacións de vixilancia e extinción de incendios forestais e apoio a continxencias no medio natural e rural (SEA 595_2): 242 prazas, das cales:
– 122 prazas da lista definitiva de persoas en lista de espera (Orde do 30 de decembro de 2016).
– 120 novas prazas.
A quen vai dirixido?
Persoas traballadoras asaliaradas, autónomas ou por conta propia, voluntarias ou bolseiras.
Requisitos
1. As persoas que desexen participar no procedemento deberán cumprir os seguintes requisitos:
a) Posuír a nacionalidade española; estar incluído, como residente comunitario ou familiar deste, no ámbito de aplicación do Real decreto 240/2007, do 16 de febreiro, sobre entrada, libre circulación e residencia en España de cidadáns da UE; ou ser titular dunha autorización de residencia en España en vigor.
b) Ter 20 anos cumpridos no momento de realizar a inscrición.
c) Ter experiencia laboral e/ou formación non formal relacionada coas competencias profesionais que se queren acreditar:
1º. No caso de experiencia laboral: para as unidades de competencia das cualificacións de nivel 2 e 3, xustificar polo menos 3 anos, cun mínimo de 2.000 horas traballadas en total nos últimos 10 anos transcorridos antes de que se realice a convocatoria.
2º. No caso de formación non formal: para as unidades de competencia das cualificacións de nivel 2 e 3, xustificar polo menos 300 horas nos últimos 10 anos transcorridos antes de que se realice a convocatoria. Naqueles módulos formativos asociados á unidade de competencia que se pretende acreditar que consideren unha duración inferior, deberán acreditarse as horas establecidas nestes.
d) Non estar matriculado nun curso de formación profesional inicial, ordinario ou modular, ou non estar, no momento da inscrición, realizando formación profesional para o emprego, conducente á acreditación das unidades de competencia que solicita.
e) Non posuír ou estar en condicións de obter un título de formación profesional ou un certificado de profesionalidade que conteña a/as unidade/s de competencia que solicita, nin os seus equivalentes ou a acreditación parcial da/das unidade/s de competencia que solicita.
f) Non estar inscrito noutro procedemento de recoñecemento da experiencia profesional ou nas probas libres para a obtención do título de formación profesional, levado a cabo por calquera Administración ou organismo público, conducente á acreditación das mesmas unidades de competencia que solicita.
2. As persoas candidatas, maiores de 25 anos, que reúnan os requisitos de experiencia laboral ou de formación indicados no punto anterior, e que non os poidan xustificar mediante os documentos sinalados no artigo 8 desta orde, poderán solicitar a súa inscrición provisional no procedemento. Deberán presentar xustificación mediante algunha proba admitida en dereito da súa experiencia laboral e/ou aprendizaxe non formal de formación.
Segundo o establecido no artigo 11.2 do Real decreto 1224/2009, do 17 de xullo, para estudar estes casos, a Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral designará os asesores e asesoras necesarios, que emitirán un informe sobre a procedencia ou non da participación da persoa candidata no procedemento. Se o informe é positivo, procederase á súa inscrición definitiva.