SE TÉS INTERESE EN SOLICITAR ESTA AXUDA, É MOI IMPORTANTE QUE LEAS DETIDAMENTE ESTA INFORMACIÓN, PORQUE MAÑÁ ABRE O PRAZO PARA SOLICITALA E IRÁN APROBÁNDOSE POR ORDE DE ENTRADA

  • Quen pode solicitala?

    1. As persoas traballadoras autónomas que estean de alta no réxime especial de autónomos ou en mutualidade de colexio profesional, que teñan domicilio fiscal en Galicia, que teñan unha antigüidade na realización efectiva dunha actividade empresarial ou profesional de maneira ininterrompida na data da solicitude da axuda por un prazo superior a 42 meses e que teñan un rendemento neto reducido dos rendementos de actividades económicas declarados na declaración do IRPF anual inferior a 30.000 euros e unha facturación mínima anual de 12.000 euros, IVE incluído, declarados no ano anterior ao da convocatoria.

    2. As sociedades de calquera clase e comunidades de bens con domicilio fiscal en Galicia e que cumpran os seguintes requisitos:

    a) Ter unha persoa autónoma societaria cunha antigüidade na realización efectiva dunha actividade empresarial ou profesional de maneira ininterrompida na data da solicitude da axuda por un prazo superior a 42 meses.

    b) Ter a empresa unha facturación mínima anual de 12.000 euros, IVE incluído, na última declaración realizada.

    c) Ter a empresa unha base impoñible no imposto de sociedades da última declaración realizada inferior a 30.000 euros. No caso de entidades que tributen en réxime de atribución de rendas, este importe de 30.000 euros referirase ao rendemento neto reducido dos rendementos de actividades económicas declaradas no IRPF.

  • De canto é a subvención?

Poderase conceder unha subvención dun 80 % da actividade por subvencionar cun límite máximo de 3.000 euros de axuda polo conxunto de actividades subvencionables, sendo o resto do gasto por conta da persoa beneficiaria.

  • Que se subvenciona?

Esta axuda ten dúas liñas de actuación:

Liña 1 mellora da competitividade a través dos seguintes servizos:

– Investigación de mercado.

– Plan de márketing.

– Plan de comunicación do negocio.

– Plan estratéxico do negocio.

– Plan de crecemento: constitución da sociedade.

– Plan de reorientación do negocio.

– Plan de uso das novas tecnoloxías no negocio.

– Plan de refinanciamento.

Tamén se poderán subvencionar outros estudos e plans que teñan como fin aumentar a competitividade da empresa.

Así mesmo, poderá ser computable como gasto subvencionable o pagamento do importe do cofinanciamento privado dos servizos contratados co Igape a través do programa Re-Acciona, na súa convocatoria para o exercicio de 2019 e sucesivas, por parte das persoas traballadoras autónomas.

Liña 2 mellora da competitividade a través dos seguintes investimentos:

– Compra de maquinaria.

– Compra de útiles e ferramentas.

– Reforma do local do negocio.

– Equipamentos informáticos.

– Rótulos.

– Aplicacións informáticas e páxinas web.

– Creación de logotipo do negocio.

– Mobiliario.

Na solicitude de axudas, as liñas 1 e 2 non son excluíntes nin entre elas nin entre os distintos servizos e investimentos que as configuran. No caso de solicitar axudas da liña 1 e da liña 2, atenderase en primeiro lugar a liña 1 e despois a liña 2, co límite máximo de 3.000 euros de axuda polo conxunto de actividades subvencionables.

No caso de reforma do local do negocio exclúese da axuda o domicilio habitual da persoa traballadora autónoma, excepto no caso en que quede acreditado que é imprescindible para o desenvolvemento da actividade do negocio.

SE TÉS INTERESE NESTA AXUDA, PONTE EN CONTACTO CO DEPARTAMENTO DE EMPREGO E DESENVOLVEMENTO LOCAL COA MAIOR URXENCIA

  • Documentación:

a) Cando se actúe mediante representación, poder suficiente da persoa representante para actuar en nome da persoa representada.

b) Certificación da entidade prestadora do servizo na cal conste a súa idoneidade para a súa prestación e o contido da dita prestación para axudas da liña 1.

c) No caso de estar realizado o servizo ou feito o investimento, facturas e o seu correspondente xustificante bancario de pagamento; de non ser así, factura pro forma.

d) Documentación xustificativa do volume de facturación; no caso das persoas traballadoras autónomas que tributen por módulos, será unha declaración responsable da facturación realizada no ano 2018.

e) Imposto de sociedades, de ser o caso.

f) Documentación xustificativa de que a persoa autónoma societaria o é da entidade que solicita a subvención, de ser o caso.

g) Anexo II coa relación de servizos ou investimentos realizados ou que se van realizar.

h) Anexo III, debidamente cuberto e asinado no caso de solicitudes realizadas por unha sociedade.

MÁIS INFORMACIÓN