Convocatoria 2020
En prazo: 04/02/2020 – 30/12/2020
Obxecto
O obxecto das axudas reguladas nestas bases é o de estimular a posta en marcha de proxectos de investimento empresarial en Galicia, coa finalidade principal de dinamizar a actividade económica na Comunidade Autónoma e potenciar o mantemento e creación de emprego, así como a innovación, a través do desenvolvemento e mellora das empresas existentes, así como coa creación e posta en marcha de novas iniciativas empresariais.
Proxectos obxecto de apoio
1. Estas axudas teñen como obxecto subvencionar aqueles proxectos de investimento en activos fixos vinculados a algunha das seguintes tipoloxías:
1.1. Creación dun novo establecemento.
1.2. Ampliación de capacidade dun establecemento existente.
1.3. Diversificación da produción dun establecemento existente en produtos que anteriormente non se producían no mesmo.
1.4. Transformación fundamental do proceso global de produción dun establecemento existente. Estes proxectos suporán a implementación dunha innovación no proceso global de produción que impliquen o uso por primeira vez de métodos de organización que inclúan melloras nas rutinas e procedementos de xestión do traballo, dos sistemas de produción ou a integración de áreas funcionais da empresa.
1.5. No sector da hostaleira só serán subvencionables os seguintes proxectos de investimento:
– A creación de novos establecementos hoteleiros coas seguintes categorías mínimas: hoteis de catro estrelas, cando os novos establecementos estean ubicados nos termos municipais de A Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Vigo, Santiago ou Ferrol, ou hoteis de tres estrelas no resto de localizacións.
– En establecementos hoteleiros xa existentes, os investimentos necesarios para incrementar a categoría preexistente, sempre que a categoría acadada co investimento sexa igual ou superior ás indicadas no parágrafo anterior para as zonas xeográficas indicadas.
2. Dimensión do proxecto de investimento:
O investimento subvencionable deberá ser igual ou superior a 50.000 € e non superior a 2.000.000 €, excluíndo impostos, taxas e arbitrios.
No caso dos proxectos do apartado 1.3. anterior, o investimento subvencionable deberá, ademais, superar o 200 % do valor neto contable dos activos que se reutilizan, de acordo cos rexistros do balance de situación ao fin do exercicio económico anterior ao comezo do proxecto.
Actividades subvencionables
1. Serán subvencionables os investimentos realizados para o desenvolvemento de actividades relacionadas no anexo II destas bases, excluíndose as seguintes:
a) As recollidas no ámbito de aplicación do Regulamento (UE) nº 1388/2014 da Comisión, do 16 de decembro de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas a empresas dedicadas á produción, transformación e comercialización de produtos da pesca e da acuicultura compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de Funcionamento da Unión Europea.
b) As actividades de produción e comercialización dos produtos agrícolas enumerados no anexo I do Tratado de Funcionamento da Unión Europea e as actividades de transformación de productos agrícolas enumerados no anexo I do Tratado de Funcionamento da Unión Europea en productos agrícolas enumerados no dito anexo I.
c) As actividades do sector do aceiro, do sector do carbón, do sector da construción naval, do sector das fibras sintéticas, do sector do transporte, así como as infraestruturas conexas e a produción e distribución de enerxía e as infraestruturas enerxéticas.
2. Serán subvencionables, así mesmo, os proxectos de carácter innovador levados a cabo por pemes que desenvolvan calquera actividade, excepto as relacionadas nas letras a), b) e c) do apartado 1 do presente artigo. A estes efectos, para que a actividade poida considerarse subvencionable, será preceptivo o informe da Axencia Galega de Innovación (Gain) que acredite o carácter innovador do proxecto.