BS324A – Mobilidade transnacional xuvenil Galeuropa: Axudas individuais de mobilidade para a mocidade.
Convocatoria 2019 En prazo: 30/04/2019 – 29/05/2019
Obxecto
1. Esta orde ten por obxecto establecer o procedemento de concesión de subvencións para o programa de mobilidade transnacional xuvenil Galeuropa, con cargo ao Plan operativo de emprego xuvenil (en adiante, POEX), para a realización de prácticas formativas non laborais en entidades/empresas públicas ou privadas en países europeos. O procedemento de concesión das subvencións será en réxime de concorrencia competitiva e conforme os principios de publicidade, transparencia, igualdade e non discriminación.
2. A finalidade do programa de mobilidade é fomentar a empregabilidade e as competencias profesionais dos/das mozos/as inscritos/as no Sistema nacional de garantía xuvenil (en adiante, SNGX), non ocupados/as e non integrados/as nos sistemas de educación ou formación, contribuíndo á mellora da súa formación e á adquisición da experiencia profesional necesaria para a incorporación ao mercado de traballo dunha maneira duradeira no tempo. Ademais, a mobilidade transnacional apoia a adquisición de competencias en idiomas estranxeiros que aumentan a empregabilidade das persoas novas.
3. A realización das prácticas formativas non laborais xerará o dereito a solicitar a expedición do certificado de experiencias en educación non formal en materia de mocidade, regulado na Orde do 26 de febreiro de 2015.
4. As bases específicas reguladoras de cada un dos procedementos incorporaranse no título II desta orde.
A quen vai dirixido?
Mozos e mozas individualmente, inscritos/as no SNGX e que figuren como beneficiarios/as, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.
Requisitos
1. As persoas destinatarias das mobilidades, ademais dos requisitos que poidan exixir os procedementos específicos destas bases reguladoras, deberán ter cumpridos os 18 anos e estar inscritas e figurar como beneficiarias no Sistema nacional de garantía xuvenil no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia o día en que presenten a solicitude de concesión da subvención, e cumprir co establecido na Lei 18/2014, do 15 de outubro, de aprobación de medidas urxentes para o crecemento, a competitividade e a eficacia, e no Real decreto lei 6/2016, do 23 de decembro, de medidas urxentes para o impulso do Sistema nacional de garantía xuvenil, entre outros:
a) Non ter traballado no día natural anterior ao momento de recibir a actuación.
b) Non ter recibido accións educativas no día natural anterior ao momento de recibir a actuación.
c) Non ter recibido accións formativas no día natural anterior ao momento de recibir a actuación.
2. Non poderán participar nas mobilidades financiadas na presente convocatoria os mozos e mozas que participaran en convocatorias anteriores do programa Galeuropa.