
Traxectoria
Laura estudou Administración e Finanzas e traballaba como administrativa no Comité Ético de Investigación con Medicamentos nun dos hospitais de referencia en Barcelona. Aprendeu a coser de maneira autodidacta, empregando unha vella máquina de coser da súa nai, e as súas primeiras creacións como pasatempo foron produtos reutilizables e sostibles, como portabocadillos, discos desmaquillantes e compresas de tea. Estes produtos estaban pensados para reducir o uso de plásticos dun só uso e contribuír ao coidado do planeta, xa que tanto ela como o seu mozo teñen un estilo de vida sostible e de “residuo cero”.
Vendo que a costura se lle daba ben, que lle gustaba e que os seus produtos comezaban a ter aceptación, decidiu investir nunha nova máquina de coser e, en novembro de 2021, mentres aínda traballaba por conta allea, abriu a conta de Instagram de Glarual Ecoshop: unha marca de produtos de costura creativa e sostible. O seu obxectivo era compartir co mundo aquilo que lle apaixonaba e, ao mesmo tempo, axudar ás persoas e ao planeta coas súas creacións. Tamén creou a súa propia web e tenda en liña, www.glarual.com, desde onde realiza envíos a toda España. O nome “Glarual” provén de “Laura L.G.” lido ao revés (os seus nome e apelidos).
Despois de sete anos traballando como administrativa, Laura decatouse de que xa non era feliz no seu emprego e de que necesitaba un cambio de vida. Quixo apostar por ela mesma e polo seu emprendemento, polo que en febreiro de 2023 deixou o seu traballo fixo, o seu piso de alugueiro e a súa familia en Barcelona, e mudouse a Xove xunto coa súa parella e a súa cadela.
Galicia foi o destino elixido, xa que poucos meses antes de deixar o seu traballo, participou nun retiro de ioga e meditación na Serra do Courel (Lugo), onde se namorou desta terra, tanto polas súas paisaxes naturais coma pola tranquilidade e a calidade de vida que ofrece.
Actualmente, a súa marca especializouse no ámbito da menstruación sostible, confeccionando compresas de tea, bragas menstruais e outros produtos para o autocuidado menstrual. O seu propósito é ofrecer opcións de produtos menstruais que non conteñan plásticos nin químicos prexudiciais para a saúde das mulleres, mentres contribúe a reducir os residuos no planeta. Tamén elabora complementos e outros produtos personalizados por encarga, todo desde o seu pequeno obradoiro situado nunha habitación da súa casa.
Desde a súa conta de Instagram, @glarual.ecoshop, onde conta con máis de 8.000 seguidoras, Laura crea contido para achegar a menstruación sostible a outras mulleres, comparte o seu día a día como emprendedora en Xove e concienciar sobre a importancia de coidar os contornos naturais, ademais de promover o consumo de produtos artesanais e locais.