IN848C – Emprego xuvenil innovador.
Convocatoria 2019 En prazo: 12/01/2019 – 11/04/2019
Obxecto
1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases polas que se rexerá a concesión das axudas do Programa Principia da Axencia Galega de Innovación dirixidas ás empresas e organismos de investigación en Galicia, destinadas ao fomento da contratación durante un período mínimo dun ano de persoal para a realización de actividades de I+D+i aliñadas coas prioridades establecidas na RIS3 para Galicia, co fin de favorecer a súa carreira profesional, así como estimular a demanda no sector público e privado de persoal suficientemente preparado para acometer proxectos de I+D+i.
2. Así mesmo, por medio desta resolución, convócanse as devanditas axudas para o ano 2019 en réxime de concorrencia competitiva (código procedemento IN848C).
3. As axudas concedidas ás empresas no marco desta resolución axustaranse ao establecido no Regulamento (UE) 1407/2013 da Comisión do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis, en virtude do que o importe total das axudas de minimis concedidas por un Estado membro a unha única empresa non excederá 200.000 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais. Este límite máximo aplícase a todo o conxunto de axudas recibidas en concepto de minimis pola empresa, independentemente da forma en que se outorguen ou do obxectivo perseguido.
En virtude do anterior, as empresas deberán declarar, no momento de presentar a solicitude, o conxunto de axudas recibidas pola empresa en concepto de minimis, durante os dous exercicios fiscais anteriores, e durante o exercicio fiscal en curso.
A quen vai dirixido?
a) As empresas, de calquera tamaño, con domicilio social ou centro de traballo en Galicia.
b) Os organismos de investigación públicos ou privados galegos ou con centro de traballo en Galicia, tendo en conta que quedan obrigados a destinar a axuda recibida a usos relacionados con actividades non económicas e relativas a actuacións de I+D+i.
Obrigas dos beneficiarios.
Sen prexuízo das demais obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, así como daqueloutras específicas que se indican nesta convocatoria, os beneficiarios das axudas concedidas ao abeiro desta resolución quedan obrigados a:
a) Realizar a actividade que fundamenta a concesión da subvención, e acreditala ante o órgano concedente, así como o cumprimento dos requisitos, prazos e condicións establecidos nas bases reguladoras, na convocatoria e na resolución de concesión e no documento no que se establecen as condicións da axuda.
b) Xustificar ante a Axencia Galega de Innovación, de acordo co previsto nestas bases da convocatoria e na normativa reguladora das subvencións, o cumprimento dos requisitos e condicións, a realización da actividade e dos gastos subvencionables e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión e o desfrute da subvención.
c) Proceder ao reintegro, total ou parcial, da subvención percibida, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión e no resto dos casos previstos na Lei 9/2007.
d) Someterse ás actuacións de comprobación que deba efectuar o órgano concedente, ás de control financeiro que corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma en relación coa subvención concedida, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, ás da autoridade de xestión e, de ser o caso, ás dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo, e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.
e) Comunicarlle ao órgano concedente a obtención de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.
f) Ter o seu domicilio social ou algún dos seus centros de traballo radicados na Comunidade Autónoma galega e realizar en Galicia as actividades susceptibles de obter axuda por medio desta convocatoria.
g) Aboar ás persoas contratadas o salario que legal ou convencionalmente lles correspondan e sexa acorde á súa categoría profesional e titulación. O dito salario, tal e como establece o artigo 4.1.c) desta resolución, deberá constar de forma expresa no contrato de traballo.
h) Solicitarlle á Axencia Galega de Innovación autorización para realizar aquelas modificacións no desenvolvemento das actividades aprobadas.
i) Comunicar á Axencia Galega de Innovación as incidencias, como renuncias, interrupcións e outras, que ocorran en relación co contrato laboral obxecto da axuda. As ditas incidencias deberán comunicarse no prazo máximo de 15 días naturais desde a data en que se produzan.
l) Dar publicidade, nos termos establecidos na resolución de concesión, ao carácter público do financiamento do contrato e da actividade obxecto da axuda, facendo referencia expresa nos contratos laborais, así como nas publicacións, relatorios, actividades de difusión de resultados e calquera outra actuación relacionada coa actividade de I+D+i na que estea implicado o persoal contratado, mencionando expresamente a súa convocatoria e orixe. O mesmo tipo de publicidade realizarase nun lugar preferente da páxina web da empresa, de existir esta.
m) Manter a duración temporal de cada contratación incentivada establecida na resolución de concesión. Para o caso de contratacións indefinidas, manter no seu cadro de persoal fixo o persoal contratado durante un período de 2 anos contados desde a data de realización a contratación.
n) Para os efectos de xustificación final da axuda percibida, as entidades beneficiarias deberán presentar a seguinte documentación:
n.1) No prazo de trece meses contados desde o inicio de cada contratación incentivada (incluídas as posibles substitucións):
– Copias das nóminas aboadas ao persoal contratado, así como os documentos bancarios correspondentes que acrediten o seu pagamento, e mais os impresos de liquidación nominal do IRPF e xustificantes do seu pagamento, unha vez se dispoñan destes.
– Memoria final resumo das actividades de I+D+i realizadas polo persoal contratado.
n.2) No prazo dun mes contado desde o remate da duración temporal de cada contratación incentivada por un prazo superior aos 12 meses, ou desde o transcurso do período de 2 anos para o caso das contratacións indefinidas:
– Copia da vida laboral actualizada do persoal contratado.
ñ) Subministrar á Administración, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento das obrigas previstas na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.
o) Calquera outra obriga imposta de maneira expresa aos beneficiarios na resolución de concesión ou no documento no que se establecen as condicións da axuda.