
Consellería de Cultura e Turismo
RESOLUCIÓN do 4 de febreiro de 2019, da Secretaría Xeral de Política Lingüística, pola que se anuncia, con carácter voluntario e gratuíto, a convocatoria de cursos de lingua galega preparatorios das probas para obter os certificados de lingua galega Celga 1, Celga 2, Celga 3 e Celga 4 (código de procedemento PL600A).
1. Obxecto.
Convocar, con carácter gratuíto, cursos de lingua galega preparatorios das probas para obter os certificados de lingua galega (Celga), niveis 1, 2, 3 e 4, con código de procedemento administrativo PL600A.
Os cursos que se convocan na modalidade presencial relaciónanse no anexo II (niveis Celga 2, 3 e 4) e os que se convocan na modalidade de teleformación relaciónanse no anexo III (niveis Celga 1, 3 e 4).
2. Persoas destinatarias.
2.1. Os cursos preparatorios para os certificados de lingua galega (Celga) poderán ser solicitados por todas as persoas maiores de dezaseis anos ou por aquelas que os fagan no ano natural da convocatoria, que desexen mellorar o seu coñecemento e dominio do galego e preparar as probas que a Secretaría Xeral de Política Lingüística convoca periodicamente para certificar a competencia nesta lingua.
2.2. No caso dos cursos de teleformación, as persoas solicitantes deberán dispoñer dun equipamento informático que cumpra, como mínimo, os seguintes requisitos técnicos:
– Un ordenador con conexión á internet.
– A conta de correo electrónico especificada na solicitude.
No curso Celga 1 de teleformación, deberán dispoñer a maiores de:
– Calquera navegador web co plugin de flash.
Nos cursos Celga 3 e Celga 4 de teleformación, deberán dispoñer a maiores de:
– Un micrófono ou calquera medio alternativo que permita a gravación de voz.
2.3. Para solicitar un curso Celga 3 ou Celga 4 de teleformación será requisito indispensable o seguinte:
a) Se solicita un curso destinado á poboación que reside en Galicia, a persoa deberá estar empadroada nalgún dos concellos da provincia galega correspondente.
b) Se solicita un curso destinado á poboación que reside no Bierzo (León) e Sanabria (Zamora), a persoa deberá estar empadroada nalgún dos concellos que conforman a comarca do Bierzo ou que están adscritos ao IES Valverde de Lucerna, de Puebla de Sanabria.
c) Se solicita un curso destinado ao resto da poboación, a persoa deberá estar empadroada fóra de Galicia.