PR930C – Campos de traballo.
Convocatoria 2019 En prazo: 07/05/2019 – 06/06/2019
Obxecto
1. Esta resolución ten por obxecto regular as axudas correspondentes ao programa Campos de Traballo para o ano 2019, que ten por finalidade facilitar á mocidade da Galicia exterior o contacto coa realidade galega e o encontro cos seus familiares.
2. Así mesmo, é obxecto desta resolución proceder á convocatoria das devanditas axudas para o ano 2019, procedemento PR930C.
3. Co fin de lograr a efectiva difusión deste programa para vindeiras convocatorias e co obxectivo de garantir os principios de transparencia, accesibilidade da información e veracidade (artigo 2 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno), recolleranse experiencias e mesmo imaxes das instalacións e das persoas participantes que poderán ser empregadas para noticias contidas en xornais, publicacións e mesmo divulgadas tanto a través de servizos da sociedade da información como na páxina web: http://emigracion.xunta.gal
Para estes efectos, a presentación da solicitude de participación implica a autorización para a publicación destas imaxes, que serán incorporadas ao ficheiro «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades», co tratamento previsto no artigo 14 desta orde.
Número de prazas convocadas e características .
O programa consistirá na participación nun campo de traballo en Portomarín.
1. Convócanse 22 prazas para mozos e mozas con idades comprendidas entre os 20 e os 30 anos. As instalacións e datas concretas adaptaranse ao disposto na convocatoria do Programa de Campos de Traballo da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, que se publicará no Diario Oficial de Galicia. Trátase de actividades de colaboración desinteresada e voluntaria en traballos diversos na procura dun maior coñecemento da nosa cultura, da mellora ambiental da nosa contorna e da recuperación do patrimonio cultural e arquitectónico. Ademais do traballo, ofrécese un programa con actividades de convivencia, de formación, de lecer e tempo libre.
2. A Consellería de Política Social colaborará na execución deste programa poñendo á disposición das persoas beneficiarias os servizos de aloxamento e manutención nos albergues xuvenís e residencias asignadas.
3. A Secretaría Xeral da Emigración farase cargo da organización da viaxe e dos traslados aéreos das persoas participantes mediante o financiamento do custo dos billetes de ida e volta en avión, segundo o número de prazas que figuran no anexo I, agás para as persoas participantes procedentes do resto de comunidades autónomas do Estado español. Estas viaxes serán, en todo caso, con destino e orixe nun aeroporto de Galicia. Así mesmo, encargarase dos desprazamentos terrestres desde o aeroporto de chegada a Galicia ata a residencia ou albergue xuvenil, así como dos desprazamentos terrestres de todas as persoas participantes que realicen un retorno inmediato desde a instalación en que rematen a actividade ata o aeroporto de saída.
4. Con carácter previo á realización da viaxe a Galicia as persoas participantes serán informadas das súas obrigas respecto do cumprimento do réxime interno das residencias ou albergues en que serán aloxadas.
A quen vai dirixido?
Mozos e mozas de orixe galega ou descendentes de persoas emigrantes galegas e que residan no exterior.
Obrigas das persoas beneficiarias.
1. Con carácter xeral, as persoas adxudicatarias das prazas convocadas por esta resolución quedan obrigadas a someterse aos requisitos legais e regulamentarios que recolla a normativa xeral de aplicación ás axudas e subvencións da Xunta de Galicia, en concreto ás recollidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
2. As persoas adxudicatarias das prazas quedan obrigadas a respectar as normas de réxime interno das residencias e albergues, así como todas aquelas que se lles dean no transcurso das actividades, nas cales, en todo caso, terán a obriga de participar. Non cumprir estas normas poderá ter como consecuencia a expulsión da actividade e o regreso ao seu país de orixe no primeiro voo dispoñible.
3. No caso de baixa ou renuncia ao programa, as persoas beneficiarias deberán comunicar por escrito á Secretaría Xeral da Emigración, cunha antelación de 15 días antes da viaxe, a causa da renuncia. No caso de que non comuniquen a súa baixa ou renuncia con antelación á viaxe, poderán ser penalizadas con non ser beneficiarias de edicións futuras do programa.
Requisitos
1. Poderán ser persoas beneficiarias deste programa os mozos e mozas que cumpran os seguintes requisitos:
a) Teren a súa residencia habitual fóra de Galicia.
b) Teren nacido en Galicia ou seren descendentes de persoa emigrante galega.
c) Teren a nacionalidade española.
d) Atoparse vinculadas con calquera concello galego no censo electoral de residentes ausentes. Este requisito non será exixible ás persoas participantes procedentes do resto de España.
e) As persoas participantes no programa deberán ter, o 30 de xuño de 2019, unha idade comprendida entre os 20 e os 30 anos.
f) Non teren participado na mesma modalidade en edicións anteriores deste programa.
g) Para as prazas financiadas ao 100 % da axuda da viaxe, as persoas solicitantes non poderán ter ingresos superiores a dúas veces o salario mínimo interprofesional ou equivalente de referencia no país de residencia para o ano desta convocatoria. Para as persoas solicitantes residentes en Cuba, os ingresos non poderán ser superiores á prestación económica por ancianidade establecida polo Estado español para o ano desta convocatoria.
Para as prazas financiadas ao 50 % da axuda da viaxe, as persoas solicitantes non poderán ter ingresos superiores a catro veces o salario mínimo interprofesional ou equivalente de referencia no país de residencia para o ano desta convocatoria.
Malia o disposto nos parágrafos anteriores, se a persoa solicitante carece de rendas ou ingresos suficientes segundo o previsto neles, pero convive con outra ou outras persoas nunha mesma unidade económica familiar, a contía anterior virá determinada pola suma do límite máximo de ingresos persoais máis o resultado de multiplicar o 70 % da devandita cifra polo número das persoas que convivan menos unha.
Para o resto das prazas, non se establecerá límite de ingresos.
2. Terán a consideración de rendas ou ingresos computables todo tipo de rendas, mesmo as axudas públicas ou privadas, os bens ou dereitos de que dispoña anualmente a persoa beneficiaria e/ou a súa unidade económica familiar, derivadas tanto do traballo como do capital, así como calquera outro substitutivo daqueles.
3. A unidade económica familiar estará integrada pola persoa solicitante, os pais e parentes por consanguinidade, afinidade ou adopción ata o segundo grao que convivan con ela, así como, se é o caso, o cónxuxe, parella de feito ou relación análoga de afectividade.
4. Poderán participar persoas con diversidade funcional sempre e cando para participaren nas actividades non necesiten axuda de unha terceira persoa.