SE TES INTERESA EN SOLICITALA OU EN TER MÁIS INFORMACIÓN, PÁSATE POLO DEPARTAMENTO DE EMPREGO E DESENVOLVEMENTO LOCAL, QUE CHA XESTIONAMOS GRATUÍTAMENTE.

Convocatoria 2018 en plazo En prazo:  05/06/2018 – 04/07/2018

Obxecto

Esta orde ten por obxecto aprobar as bases reguladoras polas cales se rexerá a convocatoria pública de axudas do Programa do bono das persoas autónomas, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia (código de procedemento TR341Q), e se procede á súa convocatoria para o ano 2018.

Estas bases teñen por obxecto fixar os criterios e requisitos para a concesión de axudas do Programa do bono das persoas autónomas, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

As bases do programa regulado nesta orde establecen un procedemento de concesión que non ten a consideración de concorrencia competitiva.

Subvención do bono das persoas autónomas .

1. Poderase conceder para a mellora da competitividade da actividade empresarial ou profesional das persoas beneficiarias desta orde, mediante pagamento anticipado, unha subvención dun 80 % da actividade que se subvencione cun límite máximo de 3.000 euros de axuda polo conxunto de actividades subvencionables, sendo o resto do gasto por conta do beneficiario.

2. Esta axuda terá dúas liñas de actuación:

Liña 1. Mellora da competitividade a través dos seguintes servizos:

• Investigación de mercado.

• Plan de márketing.

• Plan de comunicación do negocio.

• Plan estratéxico do negocio.

• Plan crecemento: constitución sociedade.

• Plan de reorientación do negocio.

• Plan de uso das novas tecnoloxías no negocio.

• Plan de refinanciamento.

Tamén poderanse subvencionar outros estudos e planes que teñan como fin aumentar a competitividade da empresa.

Así mesmo, poderá ser computable como gasto subvencionable o pagamento do importe do cofinanciamento privado dos servizos contratados co Igape a través do programa Re-Acciona na súa convocatoria para o exercicio de 2018 e sucesivas por parte das persoas traballadoras autónomas.

Liña 2. Mellora da competitividade a través dos seguintes investimentos:

• Compra de maquinaria.

• Compra de útiles e ferramentas.

• Reforma do local do negocio.

• Equipos informáticos.

• Rótulos.

• Aplicacións informáticas e páxinas web.

• Creación logotipo do negocio.

Na solicitude de axudas, as liñas 1 e 2 non son excluíntes nin entre elas nin entre os distintos servizos e investimentos que as configuran. No caso de solicitar axudas da liña 1 e da liña 2, atenderase en primeiro lugar a liña 1 e despois a liña 2 co límite máximo de 3.000 € de axuda polo conxunto de actividades subvencionables.

A axuda para a compra de equipos informáticos outorgarase unicamente a persoas traballadoras autónomas con código de actividade CNAE 62, 631, 69, 702, 71, 72 e 741:

  • Código CNAE: 62. Actividade: Programación, consultaría e outras actividades relacionadas coa informática.
  • Código CNAE: 631. Actividade: Proceso de datos, hosting e actividades relacionadas; portais web.
  • Código CNAE: 69. Actividade: Actividades xurídicas e de contabilidade.
  • Código CNAE 702. Actividade: Actividade de consultaría de xestión empresarial.
  • Código CNAE 71. Actividade: Servizos técnicos de arquitectura e enxeñaría; ensaios e análises técnicos.
  • Código CNAE: 72. Actividade: Investigación e desenvolvemento.
  • Código CNAE: 741. Actividade: Actividades de deseño especializado.

No caso de reforma do local do negocio exclúese da axuda o domicilio habitual da persoa traballadora autónoma excepto no caso en que quede acreditado que é imprescindible para o desenvolvemento da actividade do negocio.

3. Definicións:

Investigación de mercado. A investigación de mercados é o proceso que comprende as accións de identificación, recompilación, análise e difusión de información co propósito de mellorar a toma de decisións de márketing.

Plan de márketing. O plan de márketing é un documento en formato texto ou esquemático onde se recollen todos os estudos de mercado realizados pola empresa, os obxectivos de márketing que se acaden, as estratexias que se implementen e a planificación que se siga.

Plan de comunicación do negocio. Trátase dun documento que recolle as políticas, estratexias, recursos, obxectivos e accións de comunicación, tanto internas como externas, que se propón realizar no negocio. Contar cunha axuda para organizar os procesos de comunicación e guía do traballo comunicativo.

Plan estratéxico do negocio. Documento que recolle as principais liñas de acción, é dicir, a estratexia, que unha organización proponse seguir a medio e longo prazo. O plan estratéxico redáctase en función dos principais obxectivos que o negocio pretende e nel especifícanse as políticas e liñas de actuación concretas orientadas á consecución dos obxectivos e os intervalos de tempo precisos que deben ser cumpridos para cada unha das accións propostas.

Plan crecemento. Constitución de sociedade. Planificación da conversión do negocio individual dun ou varios autónomos nunha sociedade.

Plan de reorientación do negocio. Estudo e planificación da reorientación do negocio dun autónomo situado en mercados maduros e á baixa.

Plan de uso das novas tecnoloxías no negocio. Estudo e planificación do uso das novas tecnoloxías da información na operativa do negocio para mellorar a súa competitividade.

Plan de refinanciamento. Planificación da reestruturación do pasivo do negocio e de fontes de financiamento para novos proxectos de investimento.

Maquinaria. Conxunto de máquinas ou bens de equipo mediante as cales se realiza a extracción ou elaboración dos produtos.

Útiles e ferramentas. Conxunto de utensilios ou ferramentas que se poden utilizar autonomamente ou conxuntamente coa maquinaria, incluídos os moldes.

Equipos informáticos. Considéranse equipos informáticos para os efectos desta orde as tablets, ou similares, ordenadores persoais de sobremesa e ordenadores portátiles.

Reforma do local do negocio. Refírense a obras de sinxela técnica e escasa entidade construtiva e económica. Consisten normalmente en pequenas obras de simple reparación, decoración ou ornato, que non modifican a estrutura construtiva. Enténdese por local do negocio o centro de traballo declarado nos anexos. Exclúese o domicilio habitual da persoa traballadora autónoma excepto no caso en que quede acreditado que é imprescindible para o desenvolvemento da actividade do negocio.

Rótulos para negocios. Carteis físicos identificativos dos negocios e da súa localización.

Aplicacións informáticas e páxinas web. Importe satisfeito pola propiedade ou polo dereito ao uso de programas informáticos tanto adquiridos a terceiros como elaborados pola propia empresa. Tamén inclúe os gastos de creación e desenvolvemento das páxinas web, sempre que a súa utilización estea prevista durante varios exercicios.

Creación logotipo do negocio. Creación de símbolo formado por imaxes ou letras que serve para identificar un negocio e as cousas que teñen relación con el.

4. A través desta axuda serán subvencionables os gastos realizados desde o día seguinte ao da publicación desta orde e durante o período subvencionable, efectivamente xustificados, mediante facturas e documentos bancarios acreditativos do seu pagamento, con anterioridade á finalización do período de xustificación establecido na resolución de concesión ou, en todo caso, ata o 20 de decembro do exercicio en curso.

Non se consideran gastos subvencionables os impostos indirectos, como é o caso do IVE, cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación, segundo dispón o artigo 29.8 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

5. Os investimentos deben ser contratados con provedores que se adiquen á actividade obxecto da subvención.

A quen vai dirixido?

Ás persoas traballadoras autónomas que estean de alta no réxime especial de autónomos ou en mutualidade de colexio profesional, que teñan domicilio fiscal en Galicia, que teñan unha antigüidade na realización efectiva dunha actividade empresarial ou profesional de maneira ininterrompida na data da solicitude da axuda por un prazo superior a 42 meses e que teñan un rendemento neto reducido dos rendementos de actividades económicas declarados na declaración do IRPF anual inferior a 30.000 euros e unha facturación mínima anual de 12.000 euros, IVE incluído, declarados no ano anterior ao da convocatoria.

PREME PARA MÁIS INFORMACIÓN