SE TES INTERESE EN SOLICITALA OU EN TER MÁIS INFORMACIÓN, PÁSATE POLO DEPARTAMENTO DE EMPREGO E DESENVOLVEMENTO LOCAL, QUE CHA XESTIONAMOS GRATUÍTAMENTE.
Convocatoria 2018 En prazo: 11/08/2018 – 10/09/2018
Obxecto
Esta resolución ten por obxecto a aprobación das bases reguladoras e as condicións polas que se rexerá, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, a concesión de oito bolsas de formación práctica especializada en mercados emisores, en réxime de concorrencia competitiva nas seguintes cidades: Londres, París, Berlín, Os Ánxeles, São Paulo, Bruxelas, Cantón e Milán.
O programa formativo desenvolverase ao longo dos anos 2018 e 2019 cunha duración máxima de 10 meses, contados desde a data da incorporación das persoas bolseiras.
A data prevista de incorporación dos/das bolseiros/as aos seus destinos é o 1 de outubro de 2018 e está condicionada á dispoñibilidade nas oficinas das consellerías de turismo en destino; en todo caso, manterase á duración total de 10 meses contados a partir da data de incorporación da persoa bolseira.
A quen vai dirixido?
Bolseiros/as mediante a realización de prácticas formativas de especialización en mercados turísticos emisores nas cidades de Londres, París, Berlín, Os Ánxeles, São Paulo, Bruxelas, Cantón e Milán, con suxeición ao plan de formación que se lles entregará ao comezo das súas prácticas e coas indicacións que lles transmita o titor que teñan asignado.
Requisitos
1. Nacionalidade: ser español/a ou nacional dun Estado membro da Unión Europea.
2. Titulación: estar en posesión na data de aceptación da bolsa dun grao universitario ou titulación homologada ou equivalente.
Poderán participar no proceso de selección aqueles candidatos que no momento de presentación das solicitudes teñan superadas todas as materias do grao e estean pendentes da presentación e defensa do traballo de fin de grao. Estes candidatos deberán acreditar estar en posesión do título universitario no momento de aceptación da bolsa. O título achegado non poderá ser anterior ao 31 de decembro de 2014.
Os títulos obtidos no estranxeiro ou en centros españois non estatais, deberan estar validados ou recoñecidos oficialmente polo Ministerio de Educación, Cultura e Deporte.
3. Linguas:
a) Galego: os solicitantes deberán acreditar o coñecemento da lingua galega no nivel de perfeccionamento ou Celga 4.
b) Outras linguas:
b.1) Para as bolsas de Londres, París, Berlín, Os Ánxeles, Milán, e São Paulo deberase acreditar o coñecemento da lingua oficial do país.
b.2) Para a bolsa de Bruxelas deberase acreditar o coñecemento das linguas francesa ou inglesa.
b.3) Para a bolsa de Cantón deberase acreditar o coñecemento das linguas chinesa ou inglesa.
O nivel de coñecemento acreditarase mediante o título da escola oficial de idiomas ou outras institucións oficiais dentro do Marco común europeo de referencia para as linguas (MCERL) e será o seguinte:
– Nivel B2 na lingua oficial do país para as bolsas de Londres, Berlín, Os Ánxeles e París.
– Nivel B2 en francés ou inglés para a bolsa de Bruxelas.
– Nivel B2 en chinés ou inglés para a bolsa de Cantón.
– Nivel B1 na lingua oficial do país para as bolsas de São Paulo e Milán.
4. En ningún caso poderán ser beneficiarios/as destas bolsas aqueles solicitantes que fosen adxudicatarios dela en edicións anteriores. Quedarán tamén excluídos da convocatoria aqueles solicitantes que fosen adxudicatarios das bolsas e que renunciasen a elas con posterioridade á súa aceptación.