
MR405B – Axudas para o desenvolvemento de pequenas explotacións agrarias.
Convocatoria 2019 En prazo: 21/05/2019 – 20/06/2019
Obxecto
Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras para a concesión de axudas e convocar para o ano 2019 a seguinte liña de axuda incluída no Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020, en réxime de concorrencia competitiva:
Medida 6. Desenvolvemento de explotacións agrícolas e empresariais.
– Submedida 6.3. Creación de empresas para o desenvolvemento de pequenas explotacións (procedemento MR405B).
A quen vai dirixido?
Persoas físicas ou xurídicas titulares de explotacións agrarias.
Requisitos
Ademais dos requisitos específicos establecidos para cada persoa beneficiaria segundo o tipo de axuda que solicite, todos deben:
1. Dispoñer dunha contabilidade específica Feader.
2. Con carácter xeral, e de conformidade co establecido nos números 2 e 3 do artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, non poderán obter a condición de beneficiarias das axudas reguladas nesta orde as persoas ou entidades en quen concorra algunha das circunstancias seguintes:
a) Ser condenadas mediante sentenza firme á pena de perda da posibilidade de obter subvencións ou axudas públicas.
b) Solicitar a declaración de concurso, ter sido declaradas insolventes en calquera procedemento, acharse declaradas en concurso, salvo que neste adquirise a eficacia un convenio, estar suxeitas á intervención xudicial ou ter sido inhabilitadas conforme a Lei concursal sen que concluíse o período de inhabilitación fixado na sentenza de cualificación do concurso.
c) Ter dado lugar, por causa da que fosen declaradas culpables, á resolución firme de calquera contrato asinado coa Administración.
d) Estar incursa a persoa física, os administradores das sociedades mercantís ou aqueles que teñan a representación legal doutras persoas xurídicas, nalgún dos supostos de incompatibilidades que estableza a normativa vixente.
e) Non estar ao día no cumprimento das obrigacións tributarias ou fronte á Seguridade Social impostas polas disposicións vixentes. Tampouco poderán obter a condición de beneficiarios destas axudas aqueles que teñan débedas en período executivo de calquera outro ingreso de dereito público da Comunidade Autónoma de Galicia.
f) Ter a residencia fiscal nun país ou territorio cualificado regulamentariamente como paraíso fiscal.
g) Non estar ao día no pagamento de obrigacións por reintegro de subvencións nos termos que regulamentariamente se determinen.
h) Ser sancionada mediante resolución firme coa perda da posibilidade de obter subvencións segundo a Lei xeral de subvencións ou a Lei xeral tributaria.
Requisitos das persoas beneficiarias de axudas á creación de empresas para o desenvolvemento de pequenas explotacións (procedemento MR405B):
a) Ser titular dunha pequena explotación agraria inscrita, con polo menos unha antigüidade dun ano desde a data de publicación da orde, no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia.
b) Residir na comarca onde radique a explotación ou nunha comarca limítrofe.
c) Que o volume de traballo necesario para o mantemento da explotación sexa realizado polo titular da explotación, para o que será necesario que non realice outra actividade a tempo completo, ou que xustifique a contratación de, polo menos, a metade dunha unidade de traballo agrario. Esta cantidade de traballo agrario manterase durante os cinco anos posteriores ao pagamento final da axuda, xunto co resto de compromisos que adquire o beneficiario da axuda.
d) Presentar un plan empresarial que mostre a viabilidade da iniciativa.
e) Cumprir as normas mínimas en materia de ambiente, hixiene e benestar dos animais, de conformidade coa normativa comunitaria e nacional, coa propia orde e co programa de desenvolvemento rural de Galicia aprobado pola Unión Europea.
f) A explotación non pode ter sido beneficiaria por esta mesma submedida en convocatorias anteriores.