MR405A – Axudas para investimentos nas explotacións agrarias.
Obxecto
Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras para a concesión de axudas e convocar para o ano 2019 a seguinte liña de axuda incluída no Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020, en réxime de concorrencia competitiva:
Medida 4. Investimentos en activos físicos.
– Submedida 4.1. Apoio aos investimentos nas explotacións agrícolas (plans de mellora nas explotacións agrarias, procedemento MR405A).
A quen vai dirixido?
a. Persoas físicas ou xurídicas titulares de explotacións agrarias.
b. Agricultores mozos que se instalan nunha explotación de nova creación.
Requisitos
Ademais dos requisitos específicos establecidos para cada persoa beneficiaria segundo o tipo de axuda que solicite, todos deben:
1. Cumprir a condición de persoa agricultora activa no momento da solicitude. No caso de persoas agricultoras mozas, esta condición deberase cumprir dentro dos 18 meses seguintes á concesión da axuda.
Este requisito non será aplicable as persoas beneficiarias da submedida 6.3.
2. Dispoñer dunha contabilidade específica Feader.
3. Con carácter xeral, e de conformidade co establecido nos números 2 e 3 do artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, non poderán obter a condición de beneficiarias das axudas reguladas nesta orde as persoas ou entidades en quen concorra algunha das circunstancias seguintes:
a) Ser condenadas mediante sentenza firme á pena de perda da posibilidade de obter subvencións ou axudas públicas.
b) Solicitar a declaración de concurso, ter sido declaradas insolventes en calquera procedemento, acharse declaradas en concurso, salvo que neste adquirise a eficacia un convenio, estar suxeitas á intervención xudicial ou ter sido inhabilitadas conforme a Lei concursal sen que concluíse o período de inhabilitación fixado na sentenza de cualificación do concurso.
c) Ter dado lugar, por causa da que fosen declaradas culpables, á resolución firme de calquera contrato asinado coa Administración.
d) Estar incursa a persoa física, os administradores das sociedades mercantís ou aqueles que teñan a representación legal doutras persoas xurídicas, nalgún dos supostos de incompatibilidades que estableza a normativa vixente.
e) Non estar ao día no cumprimento das obrigacións tributarias ou fronte á Seguridade Social impostas polas disposicións vixentes. Tampouco poderán obter a condición de beneficiarios destas axudas aqueles que teñan débedas en período executivo de calquera outro ingreso de dereito público da Comunidade Autónoma de Galicia.
f) Ter a residencia fiscal nun país ou territorio cualificado regulamentariamente como paraíso fiscal.
g) Non estar ao día no pagamento de obrigacións por reintegro de subvencións nos termos que regulamentariamente se determinen.
h) Ser sancionada mediante resolución firme coa perda da posibilidade de obter subvencións segundo a Lei xeral de subvencións ou a Lei xeral tributaria.
Requisitos das persoas beneficiarias de axudas aos plans de melloras para investimentos nas explotacións agrícolas (procedemento MR405A).
1. Ser titular dunha explotación agraria inscrita, polo menos cunha antigüidade dun ano, no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia, de acordo co Decreto 200/2012, do 4 de outubro, polo que se regula o Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia, excepto para as persoas mozas que se instalen nunha explotación de nova creación, ou que se produza unha fusión entre diferentes explotacións.
2. Os solicitantes persoas físicas deberán ter dezaoito anos cumpridos e non ter alcanzado a xubilación.
3. Posuír a capacitación profesional suficiente no momento da solicitude, o cal se acreditará segundo se establece no Decreto 200/2012, polo que se regula o Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia, agás no caso de primeira instalación simultánea. As persoas xurídicas deberán acreditar que polo menos o 50 % dos socios posúe a capacitación suficiente.
4. Comprometerse a exercer a actividade agraria na explotación obxecto da axuda durante, polo menos, cinco anos contados desde a data de pagamento da axuda.
5. Levar a cabo un plan que mellore o rendemento global da explotación.
6. Cando a explotación pertenza a unha comunidade de bens, estas deberán acreditar a súa constitución e que polo menos o 50 % dos comuneiros ou comuneiras reúne os requisitos establecidos para os titulares persoas físicas, e poderán resultar beneficiarias da axuda, coa condición de que cumpran as exixencias previstas para estas agrupacións no artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
7. A renda unitaria de traballo, no momento de realizar a solicitude, debe ser igual ou superior ao 35 % da renda de referencia, agás que se trate dun plan de mellora dunha persoa agricultora moza que presente simultaneamente unha primeira instalación.
8. Non ter ningún expediente desta axuda aprobado, en convocatorias anteriores (PDR 2007-2013 e PDR 2017-2020), sen presentar a súa solicitude de pagamento na data de publicación desta orde.
9. Serán denegadas todas aquelas solicitudes nas cales a explotación non requira un volume de traballo equivalente, como mínimo, a unha unidade de traballo agrario, e non alcance a dimensión física mínima establecida no anexo V.