TR356A – Axudas ás empresas de insercion laboral e ás súas entidades promotoras. Programa I: Axudas ao mantemento do custo salarial das persoas traballadoras en risco ou situación de exclusión social.
Convocatoria 2019 En prazo: 25/04/2019 – 30/09/2019
Obxecto
1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras das axudas ás empresas de inserción laboral e ás súas entidades promotoras e proceder á súa convocatoria para o ano 2019, coa finalidade de promover a inserción sociolaboral das persoas en situación ou en risco de exclusión social mediante o establecemento de medidas de fomento das empresas de inserción laboral que teñan centros de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia.
2. Establécese o seguinte programa de axudas:
– Programa I: axudas ao mantemento do custo salarial das persoas traballadoras en risco ou situación de exclusión social (procedemento TR356A).
Obxecto e condicións para a obtención da axuda .
1. Este programa ten por obxecto subvencionarlles parcialmente ás empresas de inserción laboral os custos salariais das persoas traballadoras en situación ou en risco de exclusión social incluídas no artigo 7 desta orde.
2. Cando a persoa traballadora estea en situación de incapacidade temporal, a subvención referirase exclusivamente aos días en que o pagamento sexa, obrigatoriamente, por conta da empresa, de conformidade co que dispoña a normativa da Seguridade Social.
Non serán subvencionables as indemnizacións e as axudas de custo.
3. Os contratos de traballo subscritos entre as persoas traballadoras en situación ou en risco de exclusión social e as empresas de inserción laboral terán que reunir as seguintes características para seren subvencionables:
a) Deberán formalizarse por escrito, axustándose ao disposto na Lei 44/2007, do 13 de decembro, que regula o réxime das empresas de inserción.
b) A súa duración non poderá ser inferior a 6 meses nin superior a 3 anos.
c) A xornada de traballo non poderá ser inferior ao 50 % da establecida no convenio colectivo de aplicación ou, na súa falta, da xornada ordinaria legalmente establecida.
d) A persoa seleccionada, a empresa de inserción laboral e os servizos sociais deberán subscribir o convenio de inserción, co contido sinalado no artigo 13 do Decreto 156/2007, do 19 de xullo, polo que se regula o procedemento para a cualificación das empresas de inserción laboral, se crea o seu rexistro administrativo e se establecen as medidas para o fomento da inserción laboral.
4. Non poderán ser contratadas as persoas traballadoras que nos dous anos inmediatamente anteriores prestasen servizos, na mesma ou en distinta empresa de inserción laboral, mediante un ou varios contratos de traballo, incluído o contrato temporal de fomento do emprego. Exceptúanse os casos en que, no suposto de fracaso nun proceso previo de inserción ou no de recaída en situacións de exclusión, o servizo social público competente considere o contrario á vista das circunstancias persoais da persoa traballadora.
5. A empresa de inserción laboral estará obrigada a facer un seguimento das persoas traballadoras en proceso de inserción mediante itinerarios individualizados de formación e ocupación.