TR356C – Axudas ás empresas de inserción laboral e ás súas entidades promotoras. Programa II: axudas para compensar os custos adicionais do emprego de persoas en risco ou situación de exclusión social.

Convocatoria 2019 en plazo En prazo:  25/04/2019 – 30/09/2019

Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras das axudas ás empresas de inserción laboral e ás súas entidades promotoras e proceder á súa convocatoria para o ano 2019, coa finalidade de promover a inserción sociolaboral das persoas en situación ou en risco de exclusión social mediante o establecemento de medidas de fomento das empresas de inserción laboral que teñan centros de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Establécese o seguinte programa de axudas:

–  Programa II: axudas para compensar os custos adicionais do emprego de persoas en risco ou situación de exclusión social (procedemento TR356C).

Liñas de axuda .

1. Ao abeiro do programa de axudas para compensar os custos adicionais do emprego de persoas en risco ou situación de exclusión social, as empresas de inserción laboral poderán acceder ás seguintes liñas de axuda:

a) Asistencia técnica para a creación, mellora e diversificación da EIL.

b) Inicio e posta en marcha da actividade.

c) Creación e ampliación de novos postos de traballo para persoas en inserción.

d) Contratación de xerentes ou persoas técnicas de produción necesarias para garantir a viabilidade da EIL.

e) Contratación de persoas técnicas en orientación e acompañamento á inserción.

f) Formación para as persoas en proceso de inserción.

g) Mediación laboral para a inserción no mercado laboral ordinario da persoa en situación ou risco de exclusión social.

2. As entidades promotoras de empresas de inserción laboral poderán ser beneficiarias das axudas indicadas nas letras a) e e) deste artigo. Se a subvención a solicitan as entidades promotoras, non poderán solicitala a empresa ou as empresas de inserción laboral que promovan.

Axudas para a asistencia técnica para a creación, mellora e diversificación da EIL

1. Esta axuda está destinada a financiar:

1º. Ás entidades promotoras de empresas de inserción laboral, os custos que comporta o proceso de creación de empresas de inserción laboral.

2º. Ás empresas de inserción laboral, os custos dirixidos á mellora, reorientación e diversificación da actividade empresarial.

No caso de creación de empresas, a data de alta no imposto de actividades económicas debe estar comprendida no prazo subvencionable establecido na convocatoria.

2. Son gastos subvencionables:

a) Os estudos de mercado, estudos de viabilidade técnica, económica e financeira e labores de asesoramento e consultoría que teñan por obxecto a constitución dunha empresa de inserción laboral, a apertura de novos mercados e a reorientación ou diversificación da actividade empresarial.

b) As auditorías contables non obrigatorias que analicen a viabilidade económica e a boa xestión da empresa.

c) As auditorías sociais que permitan á empresa avaliar a súa eficacia social e o seu comportamento ético en relación cos seus obxectivos, de maneira que poida mellorar os seus resultados sociais e solidarios e dar conta deles a todas as persoas comprometidas pola súa actividade.

d) Os custos derivados da obtención das certificacións de calidade e as súas sucesivas renovacións. A axuda para a implantación quedará condicionada á obtención da certificación de calidade.

3. Non será subvencionable o imposto sobre o valor engadido ou, de ser o caso, os impostos indirectos equivalentes cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación.

4. Os servizos de asistencia técnica deberán ser prestados por empresas especializadas que reúnan garantías de solvencia profesional.

Axudas para o inicio e posta en marcha da actividade .

1. Esta liña de axudas ten por obxecto subvencionar parcialmente os gastos correntes derivados da posta en marcha da actividade dunha empresa de inserción.

Esta axuda poderase conceder por unha soa vez ao inicio da actividade empresarial ou cando exista unha reorientación e diversificación da actividade inicial que implique apertura de novos centros de traballo.

2. Enténdese que unha empresa inicia a súa actividade empresarial desde a data de alta no imposto de actividades económicas, ou ben desde a data de alta no censo de obrigados tributarios do Ministerio de Facenda.

Para que sexa subvencionable a diversificación da actividade requírese que, na data de solicitude de subvención, a apertura do novo centro de traballo fose comunicada ao Rexistro de Empresas de Inserción da Comunidade Autónoma de Galicia.

3. Son conceptos subvencionables:

a) Compra de mercadorías, materias primas e outros aprovisionamentos.

b) Gastos de arrendamento do local, de maquinaria e de equipamentos informáticos.

c) Gastos de seguro do local e publicidade e subministracións (gastos de luz, auga, etc.).

d) Gastos de constitución tales como gastos de notario e rexistro, altas e taxas necesarias para satisfacer o inicio da actividade.

4. Non será subvencionable o imposto sobre o valor engadido ou, de ser o caso, os impostos indirectos equivalentes cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación.

Axudas para a creación e ampliación de novos postos de traballo para persoas en inserción .

1. Esta liña de axudas ten por obxecto subvencionar a creación de novos postos de traballo de persoas en risco ou situación de exclusión social en función do investimento realizado en inmobilizado sempre que estea relacionado coas actividades desenvolvidas pola empresa de inserción.

Poderán subvencionarse as empresas de inserción laboral, tanto no proceso de creación da EIL coma en calquera momento posterior en que consideren necesario ampliar o cadro de persoal de persoas en inserción.

2. Computaranse como novos postos aqueles cuxa contratación se inicie no período subvencionable sinalado na convocatoria e que supoñan un incremento neto no cadro de persoal de persoas en inserción respecto do último expediente de axudas subvencionado.

3. Considerarase subvencionable o investimento consistente na adquisición de:

a) Locais de uso exclusivo para o exercicio da actividade da empresa de inserción.

b) Vehículos comerciais ou industriais necesarios e de uso exclusivo para o desenvolvemento da actividade empresarial ou profesional, automóbiles de turismo que sexan empregados nos desprazamentos profesionais por representantes ou axentes comerciais, os empregados na venda a domicilio, na prestación de servizos de transporte de viaxeiros, de ensino de condutores e os empregados en servizos de vixilancia.

c) Maquinaria e útiles.

d) Equipamentos para procesos de información.

e) Mobiliario e equipamentos de oficina.

f) Activos inmateriais vinculados a novas tecnoloxías da información e ás comunicacións.

g) Dereitos e patentes.

En ningún caso se terán en conta para a acreditación do inmobilizado os contratos de arrendamento financeiro nin outras figuras xurídicas afíns que non concedan á entidade solicitante o pleno dominio ou titularidade inicial do investimento.

4. Non será subvencionable o imposto sobre o valor engadido ou, de ser o caso, os impostos indirectos equivalentes cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación.

5. Cando o importe do gasto subvencionable supere a contía establecida para os contratos menores na normativa reguladora da contratación pública en vigor no momento da solicitude, a EIL estará obrigada a solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á realización da obra ou á entrega do ben, agás que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten, ou salvo que o gasto se tivese realizado con anterioridade á solicitude da subvención.

A elección entre as ofertas presentadas realizarase conforme criterios de eficiencia e economía, e deberase xustificar expresamente a elección cando esta non recaia na oferta economicamente máis vantaxosa.

Axudas para a contratación de xerentes ou persoas técnicas de produción .

1. Esta liña de axudas ten por obxecto subvencionar parcialmente os custos da contratación de xerentes ou persoas técnicas de produción que sexan necesarias para garantir a viabilidade técnica, económica ou financeira das empresas de inserción laboral.

Esta axuda estará condicionada á xustificación pola empresa de inserción laboral de que coas contratacións obxecto de subvención se suplan carencias para o desenvolvemento da actividade empresarial e o seu bo fin.

2. A xornada mínima subvencionable será do 50 % da establecida no convenio colectivo de aplicación ou, na súa falta, da xornada ordinaria legalmente establecida.

Cando a persoa subvencionada estea en situación de incapacidade temporal, a subvención referirase exclusivamente aos días en que o pagamento sexa, obrigatoriamente, por conta da empresa, de conformidade co que dispoña a normativa da Seguridade Social.

Non serán subvencionables as indemnizacións e axudas de custo.

3. Poderá concederse esta subvención a aquelas empresas de inserción laboral que fosen beneficiarias desta liña de axudas anteriormente, sempre que o total das mensualidades subvencionadas a todas as persoas técnicas ou xerentes non supere en conxunto as 36 mensualidades.

4. A persoa contratada para levar a xerencia da empresa deberá desenvolver as seguintes actuacións:

a) Planificar, organizar, xestionar e supervisar as diferentes áreas e departamentos de actuación da empresa en todas as súas áreas funcionais (márketing, vendas, produción, persoal, etc.).

b) Planificar a estratexia de captación de clientes, coordinar os aspectos da súa atención e avaliar a satisfacción.

c) Deseñar e presentar proxectos para obter recursos económicos externos para a EIL.

d) Supervisar as funcións asignadas ao persoal do centro de traballo e coordinar o seguimento de obxectivos, facilitando a participación de todo o persoal adscrito á organización, tendo en conta os itinerarios de formación e ocupación das persoas en proceso de inserción.

e) Planificar, xestionar e supervisar o estado e o correcto funcionamento das instalacións e equipamentos dos centros de traballo.

f) Xestionar e supervisar o plan de prevención de riscos laborais.

5. A misión das persoas técnicas de produción será tutelar a actividade produtiva, proporcionar o adestramento laboral na ocupación ou ocupacións en que desempeñen a súa actividade as persoas en proceso de inserción e, no caso das empresas de inserción que non conten cunha figura de xerencia específica, xestionar a comercialización da produción.

Axudas para a contratación persoas técnicas en orientación e acompañamento á inserción .

1. Esta liña de axudas ten por obxecto subvencionar parcialmente os custos da contratación de persoal técnico coa finalidade de desenvolver accións de orientación e acompañamento ás persoas traballadoras en proceso de inserción e facilitarlles a súa plena integración laboral en empresas normalizadas.

2. Cando a persoa subvencionada estea en situación de incapacidade temporal, o importe da subvención referirase exclusivamente aos días en que o pagamento sexa, obrigatoriamente, por conta da empresa, de conformidade co que dispoña a normativa da Seguridade Social.

Non serán subvencionables as indemnizacións e axudas de custo.

3. O persoal técnico contratado deberá cumprir algunha das seguintes condicións:

a) Posuír a titulación de técnico superior en integración social.

b) Posuír unha titulación universitaria oficial de grao adecuada ás funcións que vai desenvolver. Consideraranse titulacións universitarias adecuadas aquelas que acrediten coñecementos no ámbito educativo, asistencial, pedagóxico, psicosocial, terapéutico e sociolaboral.

c) Acreditar unha experiencia de dous anos en programas de orientación e acompañamento de persoas desfavorecidas desde a perspectiva laboral e social.

4. A persoa técnica en orientación deberá realizar, como mínimo, as seguintes funcións:

a) Orientación laboral e elaboración de plans persoais de emprego e formación dirixidos á consecución de postos de traballo adecuados ás capacidades e aptitudes dos traballadores en procesos de inserción.

b) Prospección de empresas co obxecto de difundir entre elas as posibilidades de integración laboral das persoas traballadoras en proceso de inserción, así como de estimular a súa contratación informando acerca das vantaxes económicas e sociais que iso supón.

c) Asesoramento e apoio na análise de postos de traballo e no proceso de adecuación da persoa en proceso de inserción aos devanditos postos.

d) Mediación laboral mediante a presentación á empresa contratante daquelas persoas traballadoras en procesos de inserción que presenten habilidades e capacidades adecuadas para o posto de traballo que se vaia desempeñar.

e) Seguimento das incorporacións laborais nunha empresa ordinaria daquelas persoas traballadoras procedentes da empresa de inserción.

Axudas para a formación das persoas en proceso de inserción .

1. Esta liña de axudas ten por obxecto financiar parcialmente a formación relacionada co itinerario de inserción laboral das persoas en inserción para mellorar os coñecementos sobre as funcións propias da súa profesión, así como aquela formación que, sen ter relación cos estudos ou a actividade laboral previa, a complementen e melloren a empregabilidade das ditas persoas.

2. A formación será impartida por entidades alleas á empresa de inserción laboral.