A Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e o Goberno autonómico suscribiron un convenio que deu lugar á figura dos “Concellos Doing Business Galicia – Concello Emprendedor”, que ofrecerán ás empresas que se instalen nos polígonos industriais rebaixas fiscais.

O Concello de Xove forma parte dos Concellos Emprendedores, polo que as empresas que se instalen nos seus polígonos empresariais terán as seguintes vantaxes fiscais:

  1. Imposto sobre bens inmobles: bonificación potestativa de ata o 95% da cota integra do imposto a favor de inmobles urbanos nos que se desenvolvan actividades económicas que sexan declaradas de especial interese ou utilidade municipal por concorrer circunstancias de fomento de emprego. Será de aplicación unicamente a aqueles supostos de implantación dunha nova actividade económica ou empresarial, así como a aqueles outros que consistan nunha ampliación das instalacións sempre e cando implique creación de emprego.
  2. Imposto sobre actividades económicas: bonificación de ata o 95% da cota correspondente para os suxeitos pasivos que tributen por cota municipal e que desenvolvan actividades económicas que sexan declaradas de especial interese ou utilidade municipal por concorrer circunstancias de fomento do emprego que xustifiquen tal declaración. Será de aplicación unicamente a aqueles supostos de implantación dunha nova actividade económica ou empresarial, así como a aqueles outros que consistan nunha ampliación das instalacións sempre e cando implique creación de emprego.
  3. Imposto sobre construcións, instalacións e obras: bonificación potestativa de ata o 95% para as construcións, instalacións ou obras que sexan declaradas de especial interese ou utilidade municipal por concorrer circunstancias de fomento do emprego. Será de aplicación unicamente a aqueles supostos de implantación dunha nova actividade económica ou empresarial, así como a aquiles outros que consistan nunha ampliación das instalacións sempre e cando implique creación de emprego.
    • En relación coa bonificación potestativa de ata o 95% no IBI, IAE ou ICIO, estableceranse os seguintes tramos:
      • Ata o 95% pola creación de máis de 20 postos de traballo.
      • Cando menos o 75% pola creación de entre 11 e 20 postos de traballo.
      • Cando menos o 50% pola creación de ata 10 postos de traballo.
  4. Taxa pola prestación de servizos urbanísticos ou equivalente, taxa pola apertura de establecementos: establecemento á non suxeición a esta taxa dos autónomos e empresas que soliciten licenza de obra ou verificación “a posteriori” de comunicación previa para levar a cabo a súa implantación no termo municipal, así como pra a ampliación dun establecemento empresarial xa existente sempre que conleve a creación de novos postos de traballo, cando o seu código CNAE corresponda a algunha actividade económica das incluídas no eido da industria 4.0 ou da Ris3.
  5. Compromiso de resolver as solicitudes de licenza de obra maior nas que o peticionario sexa unha empresa ou un autónomo para a construción dunha edificación destinada á primeira implantación dunha actividade, nun prazo máximo de 30 días naturais dende que o concello dispón da documentación completa e de todos os informes sectoriais preceptivos.
  6. Compromiso de fixar prezos competitivos das parcelas de solo empresarial establecendo bonificacións sobre os mesmos que variarán segundo a zona do territorio onde estean ubicados. Así mesmo, comprométese a incorporar e ofrecer ás empresas a posibilidade de acudir á figura xurídica do dereito de superficie nos termos regulados no artigo 53.1 do Real Decreto Lexislativo 7/2015, de 30 de outubro, polo que se aproba o Texto Refundido da Lei do Solo e Rehabilitación Urbana.
  7. As medidas de carácter fiscal comprometidas deberán manterse cando menos tres exercicios orzamentarios.

Ademais, recordamos o apoio municipal a INICIATIVAS LOCAIS DE EMPREGO que se instalen en calquera punto do municipio, xa que gozarán dun 90% na cuota do imposto sobre construcións, instalacións e obras (ICIO). Preme para máis información do ICIO