SUBVENCIÓNS PARA COMERCIOS E ARTESANÍA

CO300C – Subvencións para a innovación, a dixitalización e a implantación de novas fórmulas de comercialización e de expansión do sector comercial e artesanal.

En prazo:  12/05/2020 – 29/05/2020

A quen vai dirixido?

Poderán ser beneficiarias das subvencións, sen prexuízo de reunir os demais requisitos establecidos nestas bases e sempre que nas persoas solicitantes non concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as persoas físicas ou xurídicas, comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado sen personalidade xurídica, legalmente constituídas.

1. Comerciantes retallistas

2. Obradoiros artesáns

Obxecto

As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto a concesión de subvencións para a innovación, a dixitalización e a implantación de novas fórmulas de comercialización e expansión do sector comercial e artesanal, para actuacións realizadas e efectivamente pagadas desde o 1 de decembro de 2019 ata o 30 de outubro de 2020, pola incidencia que nos sectores do comercio e da artesanía teñen tanto o período de rebaixas de inverno como a campaña de Nadal, que son para moitos establecementos o momento idóneo para o lanzamento de novas propostas comerciais, en establecementos e a través da canle dixital.

Actuacións subvencionables .

1. Dixitalización comercial:

Para comerciantes retallistas e titulares de obradoiros artesáns.

a) A implantación e actualización de páxinas web comerciais

b) Introdución de ferramentas de márketing 4.0: instrumentos de xeolocalización ou big data centrados na conectividade e na predición de padróns de consumo, publicidade en medios dixitais e ferramentas de realidade aumentada, que ofrezan experiencias reais e interactivas ao consumidor, como produtos 3D ou probadores virtuais e chatbots ou instrumentos similares que guíen o cliente no proceso de compra.

c) Pulo á mellora da imaxe dixital: contidos audiovisuais de promoción do produto.

d) Servizos profesionais de xestión de redes sociais (community manager) cun máximo de 11 meses.

e) Implantación de ferramentas de xestión: sistemas integrados para a planificación de recursos empresariais comerciais e software adecuados ás necesidades da empresa.

2. Proxectos de modernización integral do local comercial incluídas nun proxecto de decoración e interiorismo. Só para comerciantes retallistas.

a) As obras de reforma e acondicionamento integral da superficie de exposición e venda do local comercial.

b) Adquisición de moblaxe destinado á mellora da imaxe comercial e adquisición de equipamento especializado para a exposición do produto que sexa necesario para o desenvolvemento da actividade comercial e de uso exclusivo na superficie de exposición e venda.

c) Actuacións de mellora da fachada exterior do local comercial e instalación de toldos, carteis, letreiros ou similares.

d) Actuacións conxuntas dun mínimo de tres establecementos comerciais contiguos para dotar de homoxeneidade estética a imaxe exterior dos comercios dunha mesma rúa comercial.

e) Os custos polos servizos profesionais de elaboración e redacción do proxecto de interiorismo e decoración.

3. Proxectos de expansión comercial.

4. Participación ou posta en marcha de proxectos de tendas efémeras ou eventos pop up.

5. Proxectos de posta en marcha de concept stores.

6. A adquisición de equipamentos propios da actividade comercial e artesanal

MÁIS INFORMACIÓN

Print Friendly, PDF & Email