PREMIOS DO COMERCIO GALEGO

Mañá abre o prazo para presentarse a este recoñecemento

Obxecto

Estas bases teñen por obxecto regular a concesión dos premios do comercio galego como un recoñecemento institucional e social a aqueles comercios que apostan por situar o cliente no centro da súa estratexia, aproveitando todos os recursos á súa disposición co fin de achegarlle a súa oferta.

Número e características dos premios

a) Premio Comercio de Galicia, cunha contía de 3.000 euros.

b) Premio Comercio Provincial, cunha contía de 2.000 euros por provincia.

c) Premio Iniciativa Dixital para asociacións de comerciantes, cunha contía de 1.500 euros.

1. Os premios do comercio galego distinguirán os establecementos galegos, a nivel provincial e autonómico, que na súa xestión comercial executen accións innovadoras que comporten unha clara diferenciación e unha mellora na fidelización e a personalización do servizo e do produto, para o cal se valorarán a transformación dixital, os servizos engadidos á propia oferta comercial, accións promocionais especiais e utilización de ferramentas tales como a web, o teléfono e as redes sociais como canles de comunicación e venda e a integración entre as canles en liña e sen conexión.

2. O Premio Iniciativa Dixital para asociacións de comerciantes elixirase entre aquelas asociacións que poñan en práctica proxectos tecnolóxicos vinculados ao comercio que inclúan presenza na rede, utilización de novas tecnoloxías e incrementen a fidelización e os servizos prestados aos clientes.

3. Cada comercio participante non poderá percibir máis dun premio.

4. As contías dos premios obxecto desta convocatoria serán únicas e estarán suxeitas ás retencións correspondentes conforme a lexislación tributaria.

A quen vai dirixido?

Comerciantes retallistas.

Requisitos

1. Poderán optar aos premios do comercio galego os comerciantes retallistas que desenvolvan a súa actividade comercial en Galicia e que cumpran os requisitos establecidos legalmente para exercer a actividade.

2. Cada comerciante presentará unha única candidatura para optar aos premios do comercio galego e marcará na solicitude o recadro correspondente á modalidade provincial a que opta, que virá determinada polo lugar onde se sitúa o establecemento comercial ou, no caso de comercio en liña, polo domicilio social.

3. Poderán optar ao Premio Iniciativa Dixital:

3.1. As asociacións de vendedores das prazas de abastos, sen ánimo de lucro, que estean legalmente constituídas e cuxo ámbito de actuación se desenvolva na Comunidade Autónoma de Galicia.

3.2. As asociacións de comerciantes de carácter territorial, sen ánimo de lucro, que estean legalmente constituídas e cuxo ámbito de actuación se desenvolva na Comunidade Autónoma de Galicia, que leven a cabo proxectos de interese e transcendencia en centros comerciais abertos.

4. A participación supón a aceptación total das condicións fixadas nesta disposición e unicamente a Dirección Xeral de Comercio e Consumo queda facultada para dirimir calquera controversia derivada da súa interpretación.

5. Non poderán obter a condición de beneficiarias as persoas físicas ou xurídicas en que se dea algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

MÁIS INFORMACIÓN

Print Friendly, PDF & Email