SUBVENCIÓN PARA A COMERCIALIZACIÓN E EXPANSIÓN DO COMERCIO E DA ARTESANÍA

CO300C – Subvencións para a innovación, a dixitalización e a implantación de novas fórmulas de comercialización e de expansión do sector comercial e artesanal.

Convocatoria 2019 en plazo En prazo:  27/04/2019 – 27/05/2019

MÁIS INFORMACIÓN

Obxecto

1. As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto a concesión de subvencións para a innovación, a dixitalización e a implantación de novas fórmulas de comercialización e expansión do sector comercial e artesanal.

2. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva e quedará suxeito ao réxime de axudas de minimis, polo que non poderán exceder os límites cuantitativos (200.000 euros nun período de tres anos) establecidos no Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE 24.12.2013, L352/1).

3. Con carácter xeral e de acordo co establecido no artigo 29.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (en diante, Lei 9/2007), consideraranse subvencionables os gastos e investimentos que, de xeito indubidable, respondan á natureza da actuación subvencionada.

En concreto, consideraranse subvencionables as seguintes actuacións previstas no artigo 4, sempre que estas sexan realizadas e efectivamente pagadas desde o 1 de xaneiro de 2019 ata a data límite de xustificación establecida no artigo 19 desta orde.

Actuacións subvencionables .

1. Dixitalización comercial:

Para comerciantes retallistas e titulares de obradoiros artesáns.

a) A implantación e actualización de páxinas web comerciais coas seguintes características técnicas:

– Ter o protocolo de transferencia de datos https.

– Estar optimizada para SEO.

– Ter acceso á internet a través dun hosting con acceso do propietario da web ao código e claves da web.

– Estar adaptada a todos os dispositivos móbiles.

– Dispor de fotos de calidade profesional cun peso máximo de 400K e resolución de 72 dpp.

– Dispor de páxina de política de privacidade de acordo coa lexislación vixente, ligazóns ás redes sociais da empresa.

– Ter instalado e configurado Google Analytics.

No caso de web con acceso á tenda en liña, ademais dos previstos anteriormente para a páxina web, deberá:

– Estar sincronizada co sistema de xestión do establecemento comercial.

– Ter dispoñible para a venda en liña un mínimo do 30 % das referencias de que se dispoñen na tenda física.

– Ter pasarela de pagamento.

b) Introdución de ferramentas de márketing 4.0: instrumentos de xeolocalización ou big data centrados na conectividade e na predición de patróns de consumo, publicidade en medios dixitais, ferramentas de realidade aumentada, e ofrecer experiencias reais e interactivas ao consumidor como produtos 3D ou probadores virtuais e chatbots ou instrumentos similares que guíen o cliente no proceso de compra.

c) Pulo á mellora da imaxe dixital: contidos audiovisuais de promoción do produto.

d) Servizos profesionais de xestión de redes sociais (community manager).

e) Implantación de ferramentas de xestión: sistemas integrados para a planificación de recursos empresariais comerciais e software adecuados ás necesidades da empresa.

A porcentaxe de subvención será o 80 %, agás no suposto das letras b), c) e d), que será do 70 %, dos seguintes investimentos máximos subvencionables:

– Para a implantación de páxinas web con venda en liña é de 4.000,00 € (IVE excluído).

– Para a implantación de páxina web é de 1.000,00 € (IVE excluído).

– Para a actualización de páxina web é de 800,00 € (IVE excluído).

Non será compatible a solicitude de actuacións de implantación de páxinas web coas de mellora.

– Para a introdución de ferramentas de márketing 4.0 é de 6.000,00 € (IVE excluído), cun límite para actuacións en publicidade en medios dixitais de 2.000,00 € (IVE excluído).

– Para a mellora de imaxe comercial dixital é de 6.000 € (IVE excluído).

– Para os servizos profesionais de xestión de redes sociais (community manager) é de 10.000,00 € (IVE excluído).

– Para a implantación de ferramentas de xestión é de 3.000,00 € (IVE excluído).

O investimento máximo subvencionable para o conxunto das actuacións de dixitalización é de 29.000 euros (IVE excluído).

2. Proxectos de modernización integral do local comercial incluídos nun proxecto de decoración e interiorismo.

Só para comerciantes retallistas.

En concreto, considéranse gastos subvencionables:

a) As obras de reforma e acondicionamento integral da superficie de exposición e venda do local comercial.

b) Adquisición de moblaxe destinado á mellora da imaxe comercial e adquisición de equipamento especializado para a exposición do produto que sexa necesario para o desenvolvemento da actividade comercial e de uso exclusivo na superficie de exposición e venda.

c) Actuacións de mellora da fachada exterior do local comercial e instalación de toldos, carteis, letreiros ou similares.

d) Actuacións conxuntas dun mínimo de tres establecementos comerciais contiguos para dotar de homoxeneidade estética a imaxe exterior dos comercios dunha mesma rúa comercial.

e) Os custos polos servizos profesionais de elaboración e redacción do proxecto de interiorismo e decoración.

Para o conxunto destas actuacións o investimento máximo subvencionable será de 30.000,00 € (IVE excluído) e o investimento mínimo de 8.000,00€ (IVE excluído). No caso das actuacións previstas na alínea e), o investimento máximo subvencionable será de 2.000,00 € (IVE excluído).

A porcentaxe de subvención será o 50 % do investimento máximo subvencionable agás no suposto das letras d) e e), que será do 70 %.

3. Proxectos de expansión comercial.

Só para comerciantes retallistas.

Para os efectos desta orde, considéranse proxectos de expansión comercial a apertura dun novo establecemento comercial, baseado no desenvolvemento do mesmo proxecto comercial, na especialización ou diversificación de produtos, na especialización de servizos ao cliente ou na especialización de novas tendencias emerxentes de consumo. O proxecto deberá estar incluído nun proxecto de decoración e interiorismo.

O proxecto de expansión comercial deberá incluír un compromiso de contratación de persoal de, polo menos, un/ha traballador/a, por un período mínimo dun ano, no prazo de seis meses contados a partir da data límite de xustificación da subvención prevista no artigo 19.

En concreto, considéranse gastos subvencionables nos proxectos de expansión comercial mediante a apertura dun novo establecemento comercial as actuacións previstas no punto 2, letras a), b), c) e e).

Para o conxunto destas actuacións o investimento máximo subvencionable será de 60.000,00 € (IVE excluído) e o investimento mínimo de 8.000,00 € (IVE excluído). No caso das actuacións previstas na alínea e), o investimento máximo subvencionable será de 2.000,00 € (IVE excluído).

A porcentaxe de subvención será o 50 % do investimento máximo subvencionable, agás no suposto da letra e), que será do 70 %.

4. Posta en marcha de proxectos de tendas efémeras ou eventos pop up.

Para comerciantes retallistas e titulares de obradoiros artesáns.

Para os efectos desta orde considéranse proxectos de tendas efémeras pop up a apertura, por un prazo máximo de dous meses, dun espazo comercial que terá por obxecto examinar o novo mercado, sen que en ningún caso supoña a apertura dun outlet ou teña por obxecto o desenvolvemento de actividades de liquidación ou venda de saldos.

En concreto, considéranse gastos subvencionables:

a) O alugamento do local, espazo ou contedor da tenda efémera (máximo dúas mensualidades).

b) O acondicionamento da superficie de exposición e venda.

c) A adquisición ou alugamento de moblaxe ou equipamento especializado para a exposición do produto que sexa necesario para o desenvolvemento da actividade comercial e de uso exclusivo na superficie de exposición e venda.

d) O transporte de mercadoría.

e) Publicidade e promoción da tenda efémera pop up.

Para o conxunto destas actuacións o investimento máximo subvencionable será de 8.000,00 € (IVE excluído).

A porcentaxe de subvención será o 70 % do investimento máximo subvencionable. A subvención máxima polo alugamento do local será de 1.500,00 euros, polo transporte de mercadoría de 500,00 euros e pola publicidade e promoción de 1.000 euros.

5. Proxectos de posta en marcha de concept stores.

Para comerciantes retallistas e titulares de obradoiros artesáns.

Para os efectos desta orde, considéranse concept stores os establecementos comerciais cunha oferta diversificada de produtos, xeradora de sinerxías, que supoña un valor engadido na oferta e sexa atractiva para a clientela na procura dunha identidade única e diferenciadora. O proxecto deberá estar incluído nun proxecto de decoración e interiorismo.

O concept store poderá unir unha ou varias persoas comerciantes e/ou artesás nun espazo compartido con diferentes propostas innovadoras xa sexan comerciais, culturais, artísticas, de deseño ou gastronómicas, creando unha experiencia única de compra.

Considéranse gastos subvencionables as actuacións previstas no punto 2, letras a), b), c) e e).

Para o conxunto destas actuacións o investimento máximo subvencionable será de 30.000,00 € (IVE excluído) e o investimento mínimo de 8.000,00 € (IVE excluído). No caso das actuación previstas na alínea e), o investimento máximo subvencionable será de 2.000,00 € (IVE excluído).

A porcentaxe de subvención será o 70 % do investimento máximo subvencionable.

Non será compatible a solicitude de proxectos de posta en marcha de concept store con actuacións de modernización comercial para o mesmo establecemento comercial.

6. A adquisición de equipamentos propios da actividade comercial e artesanal:

Para comerciantes retallistas e titulares de obradoiros artesáns.

Considéranse actuacións subvencionables a adquisición, en réxime de propiedade, de equipamentos propios da actividade comercial e artesanal, que deberán ser en todo caso de primeiro uso, en concreto de:

Maquinaria, ferramentas ou equipamento auxiliar, de fabricación externa cualificada, directamente relacionada coa actividade comercial ou artesanal e que melloren o deseño e a calidade do produto final.

Para o conxunto destas actuacións o investimento máximo subvencionable será de 10.000,00 € (IVE excluído) e a porcentaxe de subvención será o 70 % do investimento máximo subvencionable.

7. Non se consideran gastos subvencionables:

a) As obras ou actuacións en cuartos de baño, oficinas, almacéns e outras dependencias non afectas ao uso da actividade de exposición e venda.

b) Os custos asociados á compra ou alugamento do inmoble comercial, agás no previsto no punto 4.4.

c) Os permisos, licenzas ou cotas de colexios oficiais ou calquera outro tributo ou imposto.

d) A adquisición de moblaxe e artigos de exposición e proba, susceptibles de venda posterior.

e) A instalación de sistemas de alarma, seguridade ou similares.

f) A adquisición de ordenadores, dispositivos móbiles, televisores, reprodutores de son e imaxe e tpv.

g) Os custos de persoal e de subministracións de auga, enerxía, telefonía e internet.

h) A adquisición de maquinaria propia de procesos industriais, no caso de artesáns.

i) A adquisición de materia prima da actividade artesanal.

j) Os investimentos destinados a locais para uso da actividade artesanal. Aquelas que non estean directamente vinculadas coa realización da actuación subvencionable e/ou directamente relacionadas coa cualificación dos obradoiros inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia.

Segundo o artigo 29.8 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, en ningún caso se consideran gastos subvencionables os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación nin os impostos persoais sobre a renda.

En ningún caso o custo da adquisición dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado.

Print Friendly, PDF & Email