Tes experiencia laboral nalgunha destas profesións e queres acreditala?

Publicada a segunda convocatoria para o ano 2019, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, do procedemento para a avaliación e acreditación das competencias profesionais adquiridas polas persoas a través da experiencia laboral e/ou de vías non formais de formación (código do procedemento: TR305A) para un total de 1.350 prazas, nas unidades de competencia que se indican no anexo I e cun total de 5.150 unidades de competencia nas seguintes cualificacións profesionais:

• Atención sociosanitaria a persoas no domicilio (SSC089_2): 300 prazas.

• Atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais (SSC320_2): 250 prazas.

• Socorrismo en espazos acuáticos naturais (AFD340_2): 225 prazas.

• Socorrismo en instalacións acuáticas (AFD096_2): 225 prazas.

• Tanatopraxia (SAN491_3): 150 prazas.

• Docencia da formación para o emprego (SSC448_ 3): 100 prazas.

• Operacións auxiliares de fabricación mecánica (FME031_1): 100 prazas.

Puntos de información

1. A Consellería de Economía, Emprego e Industria garantirá un servizo aberto e permanente a todas as persoas interesadas en obter unha acreditación oficial da súa competencia profesional, que lles facilite orientación e información xeral sobre o procedemento, sobre a documentación que deberán presentar, requisitos de acceso, lugares e datas de presentación de solicitudes.

2. Nesta convocatoria, a información e orientación necesarias para aquelas persoas que queiran participar no procedemento serán facilitadas nos seguintes puntos:

a) No Instituto Galego das Cualificacións.

b) Nas xefaturas territoriais da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

c) Nas oficinas do Servizo Público de Emprego de Galicia.

d) Nos centros propios de Formación Profesional para o Emprego da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

Requisitos de participación no procedemento

1. As persoas que desexen participar no procedemento deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Posuír a nacionalidade española; estar incluído, como residente comunitario ou familiar deste, no ámbito de aplicación do Real decreto 240/2007, do 16 de febreiro, sobre entrada, libre circulación e residencia en España de cidadáns da UE; ou ser titular dunha autorización de residencia en España en vigor.

b) Ter 18 anos cumpridos no momento de realizar a inscrición, para o caso de solicitar unidades de competencia de nivel 1 e 20 anos cumpridos para os niveis 2 e 3.

c) Ter experiencia laboral e/ou formación non formal relacionada coas competencias profesionais que se queren acreditar:

1º. No caso de experiencia laboral:

1) Para as unidades de competencia das cualificacións de nivel 2 e 3, xustificar polo menos 3 anos, cun mínimo de 2.000 horas traballadas en total nos últimos 10 anos transcorridos antes de que se realice a convocatoria.

2) Para as unidades de competencia de nivel 1, xustificar polo menos 2 anos, cun mínimo de 1.200 horas traballadas en total nos últimos 10 anos transcorridos antes de que se realice a convocatoria.

2º. No caso de formación non formal:

1) Para as unidades de competencia das cualificacións de nivel 2 e 3, xustificar polo menos 300 horas nos últimos 10 anos transcorridos antes de que se realice a convocatoria.

2) Para as unidades de competencia das cualificacións de nivel 1, xustificar polo menos 200 horas nos últimos 10 anos transcorridos antes de que se realice a convocatoria.

Naqueles módulos formativos asociados á unidade de competencia que se pretende acreditar que consideren unha duración inferior, deberán acreditarse as horas establecidas nestes.

d) Non estar matriculado nun curso de formación profesional inicial, ordinario ou modular, ou non estar, no momento da inscrición, realizando formación profesional para o emprego, conducente á acreditación das unidades de competencia que solicita.

e) Non posuír ou estar en condicións de obter un título de formación profesional ou un certificado de profesionalidade que conteña a/as unidade/s de competencia que solicita, nin os seus equivalentes ou a acreditación parcial da/das unidade/s de competencia que solicita.

f) Non estar inscrito noutro procedemento de recoñecemento da experiencia profesional ou nas probas libres para a obtención do título de formación profesional, levado a cabo por calquera Administración ou organismo público, conducente á acreditación das mesmas unidades de competencia que solicita.

2. As persoas candidatas, maiores de 25 anos, que reúnan os requisitos de experiencia laboral ou de formación indicados no punto anterior, e que non os poidan xustificar mediante os documentos sinalados no artigo 8 desta orde, poderán solicitar a súa inscrición provisional no procedemento. Deberán presentar xustificación mediante algunha proba admitida en dereito da súa experiencia laboral e/ou aprendizaxe non formal de formación.

Segundo o establecido no artigo 11.2 do Real decreto 1224/2009 do 17 de xullo, para estudar estes casos, a Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral designará os asesores e asesoras necesarios, que emitirán un informe sobre a procedencia ou non da participación da persoa candidata no procedemento. Se o informe é positivo, procederase á súa inscrición definitiva.

 Presentación de solicitudes

1. As persoas interesadas en inscribirse nas cualificacións profesionais obxecto desta convocatoria deberán presentar a solicitude no modelo que figura no anexo III desta orde.

2. As persoas que xa presentasen documentación en anteriores convocatorias da consellería competente en materia de emprego, nas cualificacións profesionais recollidas nesta convocatoria, non terán que achegar a documentación presentada anteriormente. Non obstante deberán presentar obrigatoriamente solicitude de inscrición segundo o modelo que figura como anexo III desta orde, e poderán achegar nova documentación que complete e/ou actualice a súa experiencia laboral ou a súa formación non formal.

3. Na solicitude consignaranse as unidades de competencia para as cales se solicita a súa inscrición no procedemento:

• As persoas interesadas só poderán realizar unha única solicitude de inscrición e en unidades de competencia que pertenzan á mesma cualificación profesional. Con carácter excepcional:

– No ámbito do socorrismo acuático poderá solicitarse, na mesma solicitude, a inscrición en unidades de competencia pertencentes ás cualificacións profesionais de Socorrismo en instalacións acuáticas (nivel 2) e Socorrismo en espazos acuáticos naturais (nivel 2).

4. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na Lei 39/2015 do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

En caso de enviarse por correo, o envío da solicitude deberá ser certificado, co selo de correos no encabezamento da primeira folla da solicitude de inscrición, para garantir que a data de remisión é anterior á finalización do prazo de presentación. Deberase xuntar copia compulsada da documentación que se precise.

Documentación complementaria necesaria para a inscrición no procedemento

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) No caso de persoas estranxeiras, permiso de traballo, só no caso de non dispor da acreditación de residencia en España en vigor.

b) Certificado do rexistro de cidadán ou cidadá comunitario ou tarxeta familiar de cidadán da Unión Europea ou, se é o caso, copia do pasaporte en vigor (no caso de cidadáns comunitarios que non estean recollidos na situación anterior).

c) Historial persoal e/ou formativo no modelo de curriculum vitae europeo. Poderá utilizarse o modelo de curriculum vitae europeo que se inclúe como anexo IV desta orde.

d) Certificado acreditativo de discapacidade en vigor, naqueles casos en que o certificado non sexa emitido pola Xunta de Galicia ou no caso de que a persoa solicitante se opoña expresamente á súa consulta.

e) Documentación para as persoas solicitantes que acrediten experiencia laboral:

1º. Para persoas traballadoras asalariadas:

1.1. Certificación da Tesourería Xeral da Seguridade Social, do Instituto Social da Mariña ou da mutualidade a que estivesen afiliados, onde conste a empresa, a categoría laboral (grupo de cotización) e o período de contratación.

1.2. Copia compulsada do contrato de traballo ou da certificación da empresa onde adquirisen a experiencia laboral, na cal conste especificamente a duración dos períodos de prestación do contrato, en que especifiquen claramente as actividades desenvolvidas e o intervalo de tempo en que se realizaron as ditas actividades. Para a certificación da empresa poderá utilizarse o modelo de certificación de actividades que se inclúe como anexo V desta orde. No caso de que non se utilice o citado modelo, as certificacións presentadas deberán recoller todos os datos que figuran no citado anexo.

2º. Para persoas traballadoras autónomas ou por conta propia:

2.1 Certificación da Tesouraría Xeral da Seguridade Social ou do Instituto Social da Mariña dos períodos de alta na Seguridade Social no réxime especial de traballadores autónomos.

2.2. Descrición da actividade desenvolvida e intervalo de tempo en que se realizou, para o cal se poderá utilizar o modelo de certificación de actividades que se inclúe como anexo V desta orde. No caso de que non se utilice o citado modelo, as certificacións presentadas deberán recoller todos os datos que figuran no citado anexo.

3º. Para persoas voluntarias ou bolseiras:

Certificación da organización onde se prestase a asistencia, na cal consten especificamente as actividades e funcións realizadas, as datas en que se realizaron e o número total de horas dedicadas a estas. Poderá utilizarse o modelo de certificación de actividades que se inclúe como anexo V desta orde. No caso de que non se utilice o citado modelo, as certificacións presentadas deberán recoller todos os datos que figuran no citado anexo.

f) Solicitantes que acrediten formación non formal:

A xustificación realizarase mediante copia compulsada do documento que acredite que a persoa candidata posúe formación relacionada coas unidades de competencia que se pretendan acreditar, no cal consten os contidos formativos impartidos, as datas en que se realizaron, as horas de duración da acción formativa, a entidade que expide o certificado e o título da actividade de formación.

g) Persoas candidatas maiores de 25 anos.

Estas persoas que reúnan os requisitos de experiencia laboral ou de formación indicados no artigo 6.1.c), e que non os poidan xustificar mediante os documentos sinalados neste artigo, poderán solicitar a súa inscrición provisional no procedemento. Deberán presentar xustificación mediante algunha proba admitida en dereito da súa experiencia laboral e/ou aprendizaxe non formal de formación.

h) Outros documentos.

Copia da/das acreditación/s parciais de unidades de competencia ou módulos de formación que dean dereito á acreditación da/das cualificación/s solicitada/s.

2. Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación, ou, no seu defecto, acreditación por outros medios dos requisitos aos que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

3. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

5. Todos os documentos presentados deberán ser copias compulsadas, sen prexuízo do disposto na normativa aplicable, para os casos de presentación telemática.

6. Todos os documentos que non estean redactados en lingua galega ou castelán deberán ir acompañados necesariamente da correspondente tradución oficial.

7. A falsidade nos datos achegados ou declarados supoñerá a perda dos dereitos para participar no procedemento, sen prexuízo de calquera outro tipo de responsabilidade que puidese resultar exixible. Para iso a Administración poderá comprobar, en calquera momento, a veracidade de todos os datos e documentos achegados pola persoa candidata ao longo de todo o procedemento.

8. No caso de realizar estudos parciais para a obtención dun título oficial ou dun certificado de profesionalidade pertencentes a plans de estudos extinguidos, debe presentarse o correspondente certificado expedido polo centro oficial ou homologado responsable.

Prazo de inscrición no procedemento

O prazo de inscrición será de 15 días hábiles contados a partir do 22/01/2019.

Print Friendly, PDF & Email