Tes experiencia laboral nun sector, pero non tes acreditación oficial??

A Xunta acaba de publicar este procedemento, pode interesarcche:

ORDE do 4 de decembro de 2018 pola que se convoca o proceso de acreditación de competencias profesionais adquiridas a través da experiencia laboral, na Comunidade Autónoma de Galicia, en determinadas unidades de competencia do Catálogo nacional de cualificacións profesionais.

Convocatoria 2018 en plazo Próxima apertura:  14/01/2019 – 07/02/2019

Obxecto

O obxecto desta orde é realizar a convocatoria e establecer o procedemento para a avaliación e a acreditación das competencias profesionais adquiridas polas persoas a través da experiencia laboral ou de vías non formais de formación (código do procedemento ED517B), no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia ao abeiro do Real decreto 1224/2009, do 17 de xullo, de recoñecemento das competencias profesionais adquiridas pola experiencia laboral, mediante a acreditación de unidades de competencia do Catálogo nacional de cualificacións profesionais.

A Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa será a encargada da organización e do desenvolvemento do proceso de acreditación de competencias adquiridas pola experiencia laboral e por vías non formais de formación, a través da Subdirección Xeral de Formación Profesional.

Áreas nas que se convocan prazas:

Familia profesional: Administración e xestión.

Familia profesional: Agraria.

Familia profesional: Comercio e márketing.

Familia profesional: Edificación e obra civil.

Familia profesional: Electricidade e electrónica.

Familia profesional: Enerxía e auga.

Familia profesional: Fabricación mecánica.

Familia profesional: Hostalaría e turismo.

Familia profesional: Imaxe e son.

Familia profesional: Imaxe persoal.

Familia profesional: Industrias alimentarias.

Familia profesional: Informática e comunicacións.

Familia profesional: Instalación e mantemento.

Familia profesional: Madeira, moble e cortiza.

Familia profesional: Química.

Familia profesional: Sanidade.

Familia profesional: Servizos socioculturais e á comunidade.

Familia profesional: Téxtil, confección e pel.

Familia profesional: Transporte e mantemento de vehículos.

A quen vai dirixido?

Os traballadores e as traballadoras en activo ou en situación de desemprego sen acreditación oficial da súa competencia profesional.

Requisitos

1. Para acceder a este procedemento, os candidatos e as candidatas deberán cumprir os requisitos seguintes:

a) Posuír a nacionalidade española, atoparse incluído como residente comunitario ou familiar de este, no ámbito da aplicación do Real decreto 240/2007, do 16 de febreiro, sobre entrada, libre circulación e residencia en España de cidadáns da UE; ou ser titular dunha autorización de residencia en España en vigor.

b) Ter feitos, no momento de realizar a inscrición, 18 anos para as unidades de competencia correspondentes a cualificacións de nivel 1, e 20 anos para as unidades de competencia de nivel 2 e 3.

c) Ter experiencia laboral e/ou formación relacionada coas competencias profesionais que se queiran acreditar.

c.1) No caso de experiencia laboral, xustificaranse polo menos 3 anos, cun mínimo de 2.000 horas traballadas, nos últimos 10 anos transcorridos antes de realizarse a convocatoria, para unidades de competencia de niveis 2 e 3 e, para unidades de competencia de nivel 1, xustificarán, cando menos, 2 anos cun mínimo de 1.200 horas traballadas en total.

c.2) No caso de formación, xustificaranse, polo menos, 200 horas para unidades de competencia de nivel 1 ou 300 horas para as unidades de competencia dos niveis 2 e 3, nos últimos 10 anos transcorridos antes de realizarse a convocatoria. Nos casos en que os módulos formativos asociados ás unidades de competencia que se pretendan acreditar prevexan unha duración inferior, deberanse acreditar as horas establecidas nestes módulos.

d) As persoas candidatas non poderán estar matriculadas nun curso de formación profesional inicial (ordinario ou modular) ou realizando formación profesional para o emprego conducente á acreditación das unidades de competencia nas cales solicita a súa inscrición. Tampouco poderán posuír ou estar en condicións de obter un título de formación profesional ou un certificado de profesionalidade que conteña a/s unidade/s de competencia que solicita, nin as súas equivalentes ou a acreditación parcial das unidades de competencia que solicita. Ademais, non poderán estar inscritas noutro procedemento de recoñecemento da experiencia profesional, ou nas probas libres para a obtención do título de formación profesional, levado a cabo por calquera Administración ou organismo público, conducente á acreditación das mesmas unidades de competencia que solicita. Para todo isto, presentarán declaración responsable que farán constar na solicitude.

2. As persoas maiores de 25 anos que cumpran os requisitos de experiencia laboral ou formativa indicados na alínea anterior e que non poidan xustificalos mediante os documentos sinalados, poderán solicitar a súa inscrición provisional no procedemento, sempre e cando presenten a xustificación mediante algunha proba admitida en dereito, da súa experiencia laboral ou das aprendizaxes non formais de formación. A comisión de coordinación recollida no artigo 5 da presente orde será a encargada de estudar estes casos, e emitirá un informe sobre a procedencia ou non da participación da persoa candidata no procedemento. Se o informe é positivo, procederase á súa inscrición definitiva como solicitante na correspondente sede.

 

Print Friendly, PDF & Email